Políticas sociais

Gonzalo Caballero reclama 14.000 prazas máis en residencias de maiores

De “retroceso histórico” cualificou Gonzalo Caballero a evolución das políticas sociais na Galiza desde que Alberto Núñez Feixoo goberna a Galiza. Así mesmo, o secretario xeral do PSdeG esixiu ao presidente da Xunta que habilite 14.000 prazas máis de residencias para maiores.

Gonzalo Caballero na Festa do Emigrante en Pol
photo_camera Gonzalo Caballero na Festa do Emigrante en Pol

As políticas sociais foron reclamadas na mañá deste sábado 24 de agosto como eixo central do PSdeG por parte do seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, quen participou na Festa  do Emigrante de Pol, onde estivo acompañado polo presidente da Deputación de Lugo, Xosé Tomé, e polo alcalde do municipio, Lino Rodríguez.

Desde Pol Caballero puxo de manifesto o compromiso do seu partido “coa emigración e cos galegos e galegas que viven fóra”, e asegurou defender as políticas públicas porque dan igualdade “e para iso é moi importante desenvolver un estado do benestar que dea oportunidades de vida e dignidade a toda a cidadanía galega", aseverou.

Caballero lamentou que durante "os 10 anos de goberno de Feixoo á frente da Xunta” as políticas sociais sufriron un retroceso histórico”

A ese respecto Caballero lamentou que durante "os 10 anos de goberno de Feixoo á frente da Xunta as políticas sociais sufriron un retroceso histórico”, realizándose moitos "recortes sociais" e eliminándose " moitos avances".

"Centos de miles de galegos e galegas non puideron vivir nas condicións que queren na súa terra”, razón polas que moitas e moitos "tiveron que abandonar a Galiza" para ter "unha forma de vida digna", e engadiu que ao mesmo tempo, tamén miles de galegas e galegos están a buscar un salario digno na Galiza e non o atopan.

En materia tamén de política social, Gonzalo Caballero referiuse a un informe do CISC segundo o que "faltan" na Galiza 14.000 prazas de residencias para maiores, en función dos parámetros da Organización Mundial da Saúde.

Aseverou ademais que no PSdeG van “manter coas políticas sociais o máximo compromiso para dar benestar e dignidade á cidadanía e eliminar as desigualdades sociais", dixo Caballero.

Comentarios