O deputado e ex secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sufriu un accidente de tráfico na AP-9 o pasado sábado, tras a toma de posesión do novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pero está a recuperarse "ben" do sinistro, segundo el mesmo ratificou a Europa Press.
Malia que foi "un susto gordo", tanto el, que viaxaba só no vehículo camiño da Coruña, como os ocupantes doutro vehículo sinistrado saíron polo seu propio pé.
Grazas a tod@s pola preocupación! Fracturei unha costela nun accidente na AP-9 o sábado, pero todos os implicados saímos sen gravidade e eu estou ben dende o primeiro intre. Unha ducia de patos camiñaba pola AP-9, o coche de diante tentou non atropelalos e chocamos. Sen máis
— Gonzalo Caballero (@G_Caballero_M) May 16, 2022
Caballero foi trasladado ao hospital para someterse a varias probas e alí se lle detectou unha costela rota, mais xa foi dado de alta e o domingo fixo "vida normal".
O accidente produciuse ao cruzar pola autoestrada, a uns 50 metros das cabinas de peaxe, un grupo de patos, o que provocou a reacción do coche que ía diante do de Caballero e o sinistro do coche en que viaxaba o deputado.
O vehículo do deputado socialista deu varias voltas de campá malia que finalmente el conseguiu saír polo seu propio pé.
Caballero recibiu varias chamadas para coñecer o seu estado, entre elas, a do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, preocupado tamén esta semana pola saúde do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy.
O popular recupérase "favorabelmente" do infarto que sufriu durante o debate de investidura de Rueda a semana pasada. Ten un "bo prognóstico", segundo avanzou o presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo.