Gonzalo Caballero: "A prioridade central é loitar pola reconstrución do país e apoiar a cidadanía"

"O voto útil para que haxa cambio na Galiza é PSdeG-PSOE", apuntala Gonzalo Caballero, ao tempo que chama o electorado progresista a mobilizarse este domingo para o Partido Socialista liderar a nova Xunta.
Candidato do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) á presidencia da Xunta
photo_camera Gonzalo Caballero, candidato do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) á presidencia da Xunta (Imaxe: Arxina)

Foi en 2017 cando Gonzalo Caballero gañou as primarias para liderar o PSdeG. Agora, sitúase a tan só tres días de que as galegas e galegos decidan se lle dan a súa confianza para ser presidente da Xunta. Nado en Ponteareas en 1975, licenciouse en Ciencias Económicas e Empresariais e é doutor en Economía e mais en Ciencia Política, ademais de profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Vigo. Publicou máis dun cento de traballos académicos e é sobriño doutro coñecido Caballero do PSdeG, Abel, o alcalde de Vigo. Nós Diario entrevista o candidato socialista ás portas do 12-X. 

—Como valora a xestión da crise sanitaria pola Xunta? 

Estamos nunha crise económica, sanitaria e social de moita gravidade. O estado de alarma decretado polo Goberno de España, que estabeleceu o confinamento obrigatorio para a cidadanía, foi fundamental para poder vencer a evolución da curva de contaxios polo virus. Mentres o Goberno español protexeu a saúde a través do confinamento, a Xunta optou pola estratexia de confrontación marcada polo PP de maneira irresponsábel e errada. Equivocáronse cando pediron levantar o estado de alarma o día 3 de maio, tal e como formulou Feixoo. 

Hai que impulsar as políticas sociais para que ninguén quede na cuneta

Alí onde a Xunta é competente é onde se deu o maior nivel de contaxios, nomeadamente nas residencias de maiores e no persoal sanitario. É evidente que as políticas do PP de privatización de residencias e de recortes na sanidade pública foron elementos errados que fixeron que estivésemos nunha posición máis débil para enfrontar a Covid-19. 

Por outra banda, Feixoo estivo máis pendente de comparecer nos medios públicos que en dar solucións aos problemas. O PP utilizou a TVG como instrumento de manipulación ao servizo da dereita.

—A situación sanitaria dálle a razón cando vostede dicía que as eleccións debían ser en setembro?

Preocúpanos o brote na Mariña porque colleu a Xunta fóra de xogo. 24 horas antes de decretar o illamento de 70.000 persoas, Feixoo dicía que estaba controlado, e isto agrávase ao decretar a Xunta un confinamento de cinco días cando todos os informes requiren que a duración do illamento debe ser de 10 a 15 días, como mínimo. 

O PP utilizou a TVG como instrumento de manipulación ao servizo da dereita

Ninguén pediu a Feixoo que convocase as eleccións para o 12 de xullo, porque a prioridade é loitar contra a crise. Agora, o presidente non quere comparecer no Parlamento sobre o que sucede na Mariña porque isto ratifica o relato falaz que o PP fai da súa xestión á fronte da crise. Podiamos ter agardado até pasado o mes de agosto para estabelecer a mellor data electoral. A nós valíanos setembro, pois así  coñeceríamos con maior detalle o comportamento do virus na nova normalidade

—Que modelo de residencias de maiores impulsará?

O modelo privatizador fracasou. O PP mantivo conivencia con certas empresas de xeriátricos de forma que non se aplicaron protocolos e normas existentes e até o Consello de Contas chamou a atención sobre os incumprimentos do Goberno do PP. 
Comprometémonos a crear 2.000 prazas públicas para os próximos catro anos, a dar un impulso público ás residencias e a outras modalidades asistenciais que permitan vivir dignamente ás persoas maiores. 

—Cal sería a súa primeira medida como presidente?

Teño un conxunto de medidas para a primeira semana: pór en funcionamento unha mesa para a reconstrución económica e social con todas as forzas políticas, sociais e territoriais; reunirme co presidente do Goberno de España para compartir unha folla de ruta pola reindustrialización da Galiza, formular unha estratexia de mantemento do emprego en Alcoa e abordar un fortalecemento do estado de benestar que pasa por apostar pola sanidade pública.

—Cales deben ser as bases da reconstrución na Galiza? 

Necesitamos unha nova política de economía industrial e de vertebración, que conecte a Xunta co escenario urbano ao tempo que aposte tamén polo rural. Precisamos dar un impulso ás políticas sociais para que na reconstrución ninguén quede na cuneta. Temos que apostar por unha Galiza emprendedora, dinámica, que impulse o tecido produtivo, con capacidade de xerar emprego, abordando o reto da dixitalización e da transición ecolóxica; e facer unha política activa de I+D+i para xerar traballo nos ámbitos de maior dinamismo e intensidade na xeración de valor engadido. Pular polos servizos públicos como o ensino e a saúde é esencial, por iso queremos convocar 5.000 prazas estábeis no Sergas.

—Toca nesta lexislatura reformar o estatuto? Ha de definirse nel Galiza como nación? 

Neste momento a prioridade central é loitar pola reconstrución do país e apoiar a cidadanía que está a pasar momentos difíciles. En todo caso, Galiza ten que gañar competencias. Durante o Goberno do PP non se avanzou nisto e nós estamos dispostos a asumir novas transferencias e a desenvolver o modelo de autogoberno con novos retos nos que cremos.

O PP mantivo connivencia con certas empresas de xeriátricos

Nós non somos nacionalistas, somos galeguistas, mais temos un claro compromiso co autogoberno e cremos que tamén se pode entender a visión da Galiza como nacionalidade histórica ou como nación cultural, dentro do conxunto de España e sen romper a soberanía nacional.

O importante son as persoas, mais alá das formulacións nacionalistas, pero certo é que temos claro un compromiso galeguista, coa identidade e a cultura do noso país, e con servir a Galiza desde o estatuto actual e, cando se dean as condicións para ter un novo, facelo, cousa que está pendente porque o PP non tivo capacidade de xerar consensos.

Somos galeguistas e estamos dispostos a asumir novas transferencias

—Cal é a chave do cambio?

É necesario unha mobilización masiva de todas as persoas progresistas que votaron o ano pasado para frear a dereita e a ultradereita. Un goberno do Partido Socialista á fronte dunha maioría progresista será vía para a reconstrución e para acadar unha Galiza próspera e xusta.

Comentarios