Gonzalo Caballero pon no albo das críticas a "desfeita" de Feixóo na sanidade

A sanidade é o campo no que a oposición está disposta a erosionar o Goberno Feixóo nos primeiros compases do curso político. Após pactar con En Marea e BNG a constitución dunha comisión de investigación sobre a xestión sanitaria do PP, Gonzalo Caballero cargou este sábado contra a Xunta do PP, á que atribuíu a "desfeita" do servizo público.

Gonzalo Caballero na Executiva do PSdeG en Lugo
photo_camera Gonzalo Caballero, a presidir a Executiva do PSdeG en Lugo

España avanza con Pedro Sánchez e Galiza sofre os efeitos das políticas conservadoras de Feixóo. Ese é o núcleo central do argumentario do PSdeG, formación que realizou este sábado a súa Comisión Executiva Nacional en Lugo. Non o fixo por acaso, senón como un acto de precampaña das municipais. En declaracións á imprensa, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo a alcaldesa Lara Méndez como referente das políticas socialdemócratas nos concellos.

Foi durante ese mesmo encontro coa imprensa cando Caballero aproveitou para anunciar que "os socialistas poñeremos no centro do debate político" a "desfeita" que, ao seu xuízo, ten realizado Feixóo coa sanidade pública galega.

Nese sentido, avanzou que a comisión de investigación cuxa abertura o PSdeG pactou con En Marea e BNG se debruzará sobre "os recortes, a privatización e a deterioración da sanidade pública", fenómenos todos estes que resultan "na redución da carteira de servizos" e a mingua de persoal "e de camas". Paradigma das retalladas sería, exemplificou, que en Lugo aínda non se implantase o servizo de hemodinámica durante as 24 horas do día.
 

Comentarios