Cortes Xerais

Gonzalo Caballero pide un novo suspenso a Feixoo no 26M

Xunto as 18 representantes do PSdeG no Congreso e no Senado, Gonzalo Caballero anunciou desde Madrid un medre en votos para a súa formación nas eleccións municipais e unha nova caída do PP.

Deputadas e deputados do PSdeG nas Cortes Xerais
photo_camera Deputadas e deputados do PSdeG nas Cortes Xerais

A sesión constitutiva das Cortes Xerais contou en Madrid coa presenza de Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, nunha xornada que cualificou de “histórica” por tratarse da lexislatura en que o seu partido contará co maior número de deputadas e deputados electos por Galiza, cun total de 18 representantes no Congreso e no Senado. De feito, o PSOE resultou ser a primeira forza nas eleccións xerais do 28 de abril, tanto na Galiza como no Estado.

Nese sentido, Caballero afirmou que as 18 persoas do PSdeG electas nas urnas galegas estarán en ambas cámaras “defendendo a cidadanía galega e apostando por unha etapa de progreso dirixida por Pedro Sánchez”.

“O PP sufrirá unha debacle absoluta” prognosticou Caballero desde Madrid

Nunha xuntanza mantida coas deputadas e deputados galegos da formación que lidera Caballero, este reivindicou o PSdeG como o partido europeísta e progresista “que sabe gobernar e que fixo os maiores avances pola Europa da cidadanía e do benestar”. Acto seguido pediu o apoio das galegas e galegos para Josep Borrell como cabeza de lista do PSOE ás eleccións europeas sob o pretexto de facer fronte da maneira máis útil á ameaza do pacto da dereita coa ultradereita.

“O PP sufrirá unha debacle absoluta” prognosticou Caballero desde Madrid, e engadiu que non será capaz de gobernar en ningunha das sete cidades galegas xa que anunciou un retroceso de apoios na formación de dereitas e unha mellora dos resultados para as candidaturas do PSdeG, así como a obtención “de maiorías máis amplas” para as súas actuais alcaldesas e alcaldes.

“O PSOE será a forza que creza en número de votos e concelleiros nas cidades”, anunciou Caballero

Afirmou tamén que Feixoo recollerá un novo suspenso nas municipais, após a forte perda experimentada nos pasados comicios xerais de abril. Nesa liña, puxo en valor as candidaturas do PSdeG como as mellores para gobernar nos concellos da Galiza. “O PSOE será a forza que creza en número de votos e concelleiros nas cidades”, anunciou.

Comentarios