Gonzalo Caballero insta Feixoo a rebaixar o "nivel de tensión" durante a desescalada

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, emprazou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a rebaixar o nivel de tensión durante a desescalada e criticou que estea "sempre tensionando".

EuropaPress_3682960_secretario_xeral_psdeg_gonzalo_caballero_rueda_prensa
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Europa Press)

"Non pode estar sempre tensionando, cando estaba o estado de alarma estaba contra o estado de alarma, cando non era necesario pedíao e dicía que ía chegar a un caos", asegurou en declaracións aos medios Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, esta sexta feira na Coruña.

Nun contexto no que a Xunta volveu mostrar o seu rexeitamento ás medidas do Goberno estatal, neste caso en relación ao documento sobre a desescalada na hostalaría e lecer nocturno presentado polo Goberno no Consello Interterritorial de Saíde, o líder dos socialistas considera que "ese pulso non xera ningún beneficio aos galegos e ás galegas".

Para Caballero, o Goberno galego "ten marxe de acordos de cogobernanza para tomar medidas". Neste proceso de desescalada, cre que a Xunta "pode tomar medidas menos restritivas", que permitan abrir as cafetarías e os bares até a 1 da mañá.

"Pódeo facer co apoio do Comité Clínico pero prefire tensionar pedindo máis apertura no canto de xestionar a marxe de responsabilidades que pode ter neste momento", dixo.

Caballero pensa que "a estratexia de tensión permanente de Núñez Feixoo non conduce a ningún lugar" polo que pide ao presidente da Xunta "responsabilidade, cooperación e a procura de solucións co diálogo".

O líder dos socialistas galegos cre que Feixoo "debería mirarse ao espello" cando fala de tensións e ameazas. "Que se poñan a colaborar, que recoñezan que se equivocaron cando non querían o estado de alarma, que erraron ao querer impolo e que recoñeza que agora mesmo pode permitir que a hostalaría de Galiza abra até a 1 como a de Asturias", asegurou.

O secretario xeral do PSdeG mostrouse partidario do modelo de xestión asturiano "porque fortalece a sanidade e permite que a hostalaría estea aberta sen que haxa maiores riscos". "Iso pedimos a Feixóo, que fortaleza a sanidade pública e que xestione as competencias da Xunta con lealdade e responsabilidade", finalizou.

Comentarios