Gonzalo Caballero: "Dunha crise desta profundidade hai que saír coas políticas da esquerda"

Gonzalo Caballero, líder do PSdeG e candidato á Presidencia da Xunta, asegurou nun mítin en Betanzos xunto coa ministra de Economía, a coruñesa Nadia Calviño, que non se "resigna" fronte a dereita.
O candidato do PSdeG, Gonzallo Caballero, nun mítin en Betanzos xunto coa ministra de Economía, Nadia Calviño (Imaxe: Europa Press).
photo_camera O candidato do PSdeG, Gonzallo Caballero, nun mítin en Betanzos xunto coa ministra de Economía, Nadia Calviño (Imaxe: Europa Press).

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, Gonzalo Caballero, defendeu hoxe en Betanzos un Goberno de progreso liderado pola súa formación fronte a un Partido Popular que quere empregar a Administración galega para “derrocar” ao Goberno progresista do Estado. O dirixente socialista estivo acompañado pola ministra de Economía, a coruñesa Nadia Calviño.

O cambio era necesario o 5 de abril, pero aínda é máis necesario o 12 de xullo, porque dunha crise desta profundidade hai que saír coas políticas da esquerda”, manifestou nun acto no que puxo en valor a “ampliación do Estado de Benestar” que supuxo a aprobación do ingreso mínimo vital.

Sabemos que non é o memso que goberne a dereita que a esquerda, incidiu Caballero

“Sabemos que non é o mesmo que goberne a dereita que a esquerda”, incidiu, para asegurar que a dereita “salvaba bancos, pero non protexía a cidadanía”, “non tomaba medidas para formar un escudo protector”. “Ou saímos todos ou non saímos ben”, proclamou Caballero.

O candidato socialista animou aos seus a “non resignarse” fronte a dereita. “Teñen un chiringuito na Xunta e cren que poden facer e desfacer ao seu antollo porque trasladando o relato de que as eleccións están gañadas, o electorado progresista igual queda na casa”, censurou.

Eu non me quero resignar a esa Galiza que controla a dereita, asegurou Caballero

Caballero deixou claro que cómpre combater ese relato. “Eu non me quero resignar a esa Galiza que controla a dereita”, nun discurso no que tamén advertiu da posíbel entrada de Vox na Cámara galega e dun pacto desta formación co PP.

Comentarios