luns 18/10/21

Gonzalo Caballero di que estará "todo o mes de agosto en activo" e reclama á Xunta "non seguir de vacacións"

O secretario xeral do PSdeG aludiu a "decisións importantes" do Goberno central con incidencia na Galiza
Gonzalo Caballero e Xosé Sánchez Bugallo na comparecencia coxunta deste sábado en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
Gonzalo Caballero e Xosé Sánchez Bugallo na comparecencia coxunta deste sábado en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, dixo este sábado que el estará "todo o mes de agosto en activo" e reclamou ao Executivo de Alberto Núñez Feijóo que "se poña a gobernar" e que "non siga de vacacións", ante os retos que impón a quinta vaga de coronavirus.

Nunha comparecencia conxunta co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o secretario xeral do PSdeG estableceu no ritmo de vacinación e na reactivación económica os dous grandes asuntos que esixen "manter as administracións con total funcionamento" aínda en período estival.

Caballero referiuse á denuncia por vía penal que o Colexio de Médicos de Pontevedra interpuxo contra os dirixentes das dúas áreas sanitarias desta provincia para que se depuren responsabilidades pola "saturación" asistencial

"Necesitamos un goberno que empece a gobernar. Non pode seguir de vacacións", alertou ao sinalar que os riscos da quinta onda de coronavirus esixen "profundar nun maior control na desescalada", á vez que se pon "en mans dos sectores afectados máis recursos" para impulsar a reactivación económica.

Caballero aludiu a "decisións importantes" do Goberno central con incidencia na Galiza, como a implantación da rebaixa das peaxes na AP-9 -que entrou en vigor a pasada quinta feira, en cumprimento do acordo de investidura entre o BNG e o PSOE-, os 25 millóns para rehabilitación do patrimonio ou os 32 millóns de euros que recibirá a comarca ourensá da Limia para a limpeza de canles e mellora dos regadíos.

Denuncia dos médicos

Así mesmo, referiuse á denuncia por vía penal que o Colexio de Médicos de Pontevedra interpuxo contra os dirixentes das dúas áreas sanitarias desta provincia para que se depuren responsabilidades pola "saturación" asistencial.

Por iso, reclamou o reforzo da Atención Primaria para reducir os "15 días de espera" para unha cita, así como manter os profesores de reforzo. "Se queremos reactivar Galiza, hai que cumprir coas competencias", dixo ao subliñar que a comunidade percibirá "máis fondos que nunca".

comentarios