venres 29.05.2020

Gonzalo Caballero defende que Galiza está “na axenda do Goberno” estatal

Galiza atópase “na axenda do Goberno” do Estado. Esta foi a idea central da mensaxe que o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, lanzou este domingo na Festa da Rosa de Ourense, onde discurseou acompañado pola ministra de Educación Isabel Celáa.
O líder do PSdeG Gonzalo Caballero e a ministra de Educación Isabel Celáa na Festa da Rosa de Ourense o 13 de outubro. Foto: PSdeG.
O líder do PSdeG Gonzalo Caballero e a ministra de Educación Isabel Celáa na Festa da Rosa de Ourense o 13 de outubro. Foto: PSdeG.

Para probalo, Caballero explicou como un millóns de galegos e galegas “viron mellorar os seus ingresos mensuais” a causa da suba das pensións -“mentres o PP as mantiña conxeladas”-, a mellora dos soldos dos empregados públicos ou o aumento do salario mínimo interprofesional (SMI). “Esta é a prioridade social do Goberno socialista”, engadiu.

O secretario xeral dos socialistas galegos tamén se referiu a “4.325 millóns de euros para os estaleiros públicos de Ferrol” ou á “aposta pola biblioteca e o museo de Ourense”. As políticas do Goberno de Sánchez de cara á Galiza, sinalou, son o contrario da “política de confrontación de Feixoo pata tapar a súa mala xestión”. O emprego medra no Estado, dixo, “e na Galiza cae”.

“Non nos podemos permitir un presidente que minte de forma continua, non asume ningunha responsabilidade e quere manterse no poder a través do escapismo”, asegurou,”ademais de colocar os intereses do PP por riba dos galegos”. Ao ver de Gonzalo Caballero, o “bo goberno socialista” demóstrano na Galiza as alcaldías de cinco das sete cidades e as presidencias de tres das catro deputacións.

comentarios