Gonzalo Caballero comprométese a converter a sanidade pública "na bandeira" dun "Goberno galego progresista"

Gonzalo Caballero compromete a defensa da sanidade pública, da calidade asistencial e da mellora laboral das profesionais do sector como "eixo central" do seu partido e dun futuro "Goberno galego progresista"
gonzalo caballero
photo_camera Gonzalo Caballero (Europa Press).

O secretario xeral de Partido Socialista de Galicia (PSdeG), Gonzalo Caballero, comprometeuse a converter "a sanidade pública na bandeira de referencia" dun "Goberno galego progresista" que, segundo dixo, consolidarase na Galiza tras as eleccións deste ano.

Para o líder dos socialistas galego, o ámbito sanitario é unha "prioridade na axenda política de Galiza" e avanzou que estará presente "en cada Consello da Xunta" para "reverter o desmantelamento, os retrocesos e os recortes" que se produciron no servizo público "durante os once anos do Partido Popular" a cargo da Administración autonómica.

Gonzalo Caballero reflexionou sobre as necesidades sos servizos públicos sanitarios e das súas profesionais no marco dunha xornada de traballo sobre os retos en defensa da sanidade pública galega celebrada este sábado, dentro do seu laboratorio de ideas.

Precariedade

Caballero manifestou o seu "compromiso" coa cidadanía galega e cunha "sanidade de proximidade" capaz de chegar a "todo o territorio", sen diferenzas asistencias para as usuarias do rural. Neste sentido, referiuse á necesidade de dotala co obxectivo de “afrontar e atallar” os problemas  propios dunha poboación dispersa e envellecida.

Ademais, tamén avogou por atender as necesidades das profesionais do sector e acabar coa "precarización dos contratos de traballo e coa falta de efectivos" que sofren os servizos de Atención Primaria, pediatría, enfermaría ou auxiliar de enfermaría.

Neste sentido, o socialista tamén se amosou partidario de reconsiderar o papel da fisioterapia e da saúde mental no sistema sanitario co obxectivo de ofrecer un "catálogo de servizos básicos operativo" que funcione en todo o país e con medidas concretas, como "a posta en marcha dunha unidade de ictus en cada centro de referencia, alí onde non as haxa".

Recortes

Gonzalo Caballero criticou o uso orzamentario e de recursos que o Executivo da Xunta levou a cabo en once anos de Goberno e asegurou a sanidade será un "eixo central" para o PSdeG co fin de "frear a senda de recortes e precarización do Partido Popular".

No seu discurso sinalou o caso da sala de partos de Verín como exemplo da mobilización cidadá en defensa da sanidade pública, a única dixo, capaz de facer que a Xunta dirixida por Alberto Núñez Feixoo "recoñeza os seus erros".

Nesta liña, Caballero fixo un chamamento a toda a cidadanía para participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, que se vai celebrar en Compostela o vindeiro sábado, 9 de febreiro.

Comentarios