Valoracións do preacordo

Caballero celebra o preacordo e anuncia que haberá cambio na Galiza

O líder do PSdeG ve no principio de acordo alcanzado entre Sánchez e Iglesias o preludio dun «goberno de cambio» na Xunta de Galiza en 2020.

Gonzalo Caballero (Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero (Europa Press)

O acordo alcanzado entre Unidas Podemos e PSOE esta terza 12 de novembro é para Gonzalo Caballero unha boa nova que anuncia «o cambio de goberno» que se dará na Galiza nas eleccións ao Parlamento Galego de 2020.

Desta maneira celebrou o secretario xeral do PSdeG o preacordo e para a formación dun goberno de coalición no Estado e afirmou que marca «o principio dunha lexislatura de prosperidade e de futuro para España e a Galiza».

Caballero enfatizou en que «a maioría dos galegos e galegas» optaron por votar forzas de esquerda o 10-N

Nese sentido, Caballero sinalou que se atopan «plenamente satisfeitos de que se avance nesta liña de acordo porque o PSdeG sempre apoiou que houbese un goberno progresista, socialista e de esquerdas para o conxunto do Estado».

En declaracións aos medios nos corredores do Parlamento Galego, Caballero quixo restar importancia ao feito de que acordo se producise após unha repetición electoral motivada pola falta de entendemento entre estas mesmas forzas, e emprazou a mirar «cara a adiante».

O secretario xeral do PSdeG enfatizou en que «a maioría dos galegos e galegas» optaron por votar forzas de esquerda o 10-N e sinalou que «a Galiza lle convén un goberno de progreso presidido por Pedro Sánchez que faga frente á dereita rancia que está disposta a pactar coa ultradereita de Vox».

Da mesma maneira, Gonzalo Caballero afeou o «cinismo inadmisíbel» de Alberto Núñez Feixoo por «mudar o discurso mantido na campaña», afirmou. «O PP dicía de forma continua que ían imposibilitar un goberno de Pedro Sánchez, dicindo que era incluso unha tarefa  patriótica impedilo e vetalo. Agora cambian de posición e Feixoo, que é un mago do cinismo e a inconsistencia política, di que o PSOE ten que falar co PP", aseverou o secretario xeral do PSdeG.

Caballero enxalzou a vontade de entendemento entre PSOE e Podemos

Caballero enxalzou a vontade de entendemento entre PSOE e Podemos para pór en marcha un proxecto de goberno de coalición, á vez que convidou a incorporarse a el a «outras forzas» que queiran «sumar» nun executivo progresista.

Así mesmo, tamén puxo o foco en que esta «vontade de diálogo xa funciona» noutros lugares, como as deputacións provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo, gobernadas co BNG, así como en moitos concellos; motivo polo que prognosticou un acordo de Goberno na Galiza nas próximas eleccións que poña fin á etapa Feixoo.

Comentarios