Caballero ataca Feixóo pola "pinza" do PP co bloque independentista contra os orzamentos

As peculiaridades da mecánica parlamentar levaron as emendas á totalidade aos orzamentos do estado a seren votadas conxuntamente. O efecto resultante é que PP, Cs, ERC e PDeCAT votaron en bloque contra as contas pactadas por PSOE e Podemos. O episodio permite a Gonzalo Caballero atacar o presidente da Xunta polo que cualifica de "pinza" do PP coas forzas independentistas.

Gonzalo Caballero no Parlamento Galego

Feixoo debe explicar "a que intereses serven os seus deputados en Madrid", dixo esta quinta feira en conferencia de imprensa o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, após o PP ter votado conxuntamente con ERC e PDeCAT —e coa parlamentar de En Marea Alexandra Fernándezcontra os orzamentos do Goberno Sánchez.

Caballero insta o presidente do PPdeG a que diga "por que aplaudía hai un ano cando o goberno de Raxoi mandou unha carta a cada pensionista galego para anunciar unha suba dun 0,25 por cento e agora di que non a unha suba por riba do nível de vida". Feixoo, insistiu, debe esclarecer "se está servindo a maioría dos galegos ou á estratexia de confrontación" da ultradereita.

A respecto da eventualidade do adianto electoral após o fracaso do proxecto de orzamentos ao seu paso polo congreso, Caballero afirmou: "Estamos preparados, sexan en abril, en maio ou ao final da lexislatura", ao tempo que mostrou a súa convicción de que o PSOE "está en condicións de ser primeira forza" no estado español.

Comentarios