Gonzalo Caballero anuncia que se incorporará ao Parlamento antes do verán

14 meses despois de asumir a secretaría xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero está a pensar xa seriamente en aterrar no Pazo do Hórreo. Tanto que xa lle pon data: será antes do verán. Así o anunciou este domingo.

Gonzalo Caballero no Parlamento Galego
photo_camera Gonzalo Caballero atende os medios nos corredores do Parlamento galego

Nada máis ser eleito ser secretario xeral varios parlamentares dirixíronse a Caballero para lles trasladar a súa disposición a demitir para que el puidese acceder á cámara. Así o relatou o líder do PSdeG este domingo nunha entrevista en Radio Galicia, a emisora compostelá da SER. Caballero preferiu non aceptar esa oferta de inmediato porque, explicou, quería demostrar que se podía liderar o partido desde a normalidade de manter viva a súa actividade profisional, neste caso a docencia universitaria. Transcorrido máis dun ano, agora estaríase achegando o momento en que si valora incorporarse ao Pazo do Hórreo.

"Sen poder dar unha data precisa, si lle podo confirmar [dixo Gonzalo Caballero á xornalista Aida Pena] que probabelmente de aquí ao verán o secretario xeral do partido será deputado autonómico e a intención é que presida o grupo parlamentar".

Sobre o seu primeiro reto electoral como líder do PSdeG, as municipais de maio, Caballero deixou ver a súa vontade de acordar gobernos co resto de axentes progresistas. "Somos unha alternativa fronte á dereita, unha alternativa coa que se pode falar e desde logo temos a posibilidade de estabelecer con todo o arco parlamentar posíbeis acordos puntuais en proxectos de país, dialogar, acordar e consensuar con espírito de convivencia", dixo.

Comentarios