Gonzalo Caballero alimenta a polémica polas vacinas e acusa Feixoo de "deslealdade"

"Todas as comunidades queremos ter o máximo número de vacinas posíbeis, pero non se pode caer nunha política de confrontación mesquiña e patética", asegurou Caballero.
Gonzalo Caballero nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero nunha rolda de prensa. Foto: Europa Press

O secretario  xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, criticou a "estratexia de confrontación estéril e desleal" do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, respecto á repartición de vacinas por parte do Goberno Estatal, e defendeu que Galiza foi dos territorios "que máis viais recibiu".

Así se expresou o secretario do PSdeG este domingo no Carballiño (Ourense), onde asistiu á  Festa  do  Polbo, acompañado polo alcalde da localidade, Paco Fumega.

"Galiza está a liderar a vacinación con máis do 70% da cidadanía galega inoculada. Foi unha das comunidades que máis doses recibiu ao longo deste ano porque temos unha poboación máis envellecida, e iso fíxonos prioritarios", explicou Caballero, que instou ademais á Xunta a ser "responsábel".

Neste sentido, o líder do partido socialista na Galiza insistiu en que "a lealdade e a cooperación son a mellor forma de conseguir facer fronte aos retos da vacinación". "Todas as comunidades queremos ter o máximo número de vacinas posíbeis, pero non se pode caer nunha política de confrontación mesquiña e patética", asegurou Caballero.

Neste sentido, o secretario  xeral do PSdeG recalcou que "o PP non quere falar dos problemas da Atención Primaria e da sanidade pública". "O que ten que facer o PP é corrixir os problemas da sanidade, fortalecela e sacar prazas estábeis para o persoal sanitario", sentenciou.

Festa do polbo

Por outra banda, Gonzalo Caballero aproveitou a súa presenza na festa gastronómica do Carballiño para destacar a súa organización xa que, a pesar de "non poder ter unha presenza multitudinaria nin as formulacións habituais doutros anos", a festa, "con renome internacional", conserva o seu "gran atractivo".

Caballero recalcou a "importancia" de ser "prudentes" e "cumprir todos os protocolos para poder seguir levando a cabo actividades que poidan impulsar a hostalería e o turismo". "Ten que ser o verán da reactivación", argumentou o líder socialista.

Comentarios