Gonzalo Caballero acusa de “vitimista” o presidente da Xunta e defende a Sánchez

Feixoo aparenta agravio e vitimismo cando o que hai é traballo do Goberno socialista para resolver os problemas das galegas e os galegos”. Así respondeu, desde a Festa do Polbo do Carballiño, Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, á estratexia do PP dos últimos días: o desaire permanente a causa de Pedro Sánchez.
Gonzalo-Caballero-Carballiño3
photo_camera O secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero (primeira fila, terceiro pola dereita) e outros militantes socialistas este domingo, 11 de agosto, no Carballiño. Foto: PSdeG

Caballero afondou na súa crítica e asegurou que Feixoo “utiliza a Xunta con fins partidistas”. En contraposición, referiuse ás obras do AVE como “exemplo dun Goberno central que goberna”. “Os galegos merecemos un presidente da Xunta responsábel e leal co cargo que ocupa e que non siga a estratexia da confrontación dirixida por Casado e Álvarez de Toledo”, engadiu.

O secretario xeral dos socialistas galegos esforzouse en defender a xestión do Executivo de Sánchez e afirmou que “están en marcha todas as obras contratadas e de acordo cos prazos estabelecidos” do AVE. “Nas pasadas eleccións xerais a maioría das galegas e galegos apoiamos con claridade a Pedro Sánchez e ao PSOE para manter a liña de avance, progreso e un Goberno que dialoga”, concluíu.

Comentarios