González Formoso defende un "liderado" galego na eólica mariña

O PSdeG acusa Rueda de "renunciar" a esta enerxía.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, defendeu a oportunidade de "liderado" que se lle presenta á Galiza, dixo, cos parques eólicos mariños, aínda que matizou que debe respectarse o sector da pesca "por encima de calquera outro interese".

Formoso remarcou o problema enerxético que ten Europa, que debe "eliminar a súa dependencia económica" de terceiros países. Nese contexto, apuntou, a Galiza "pode ter liderado e está a renunciar [a el]". "Podemos ter un papel que non poden ter Madrid ou Barcelona, pero falta liderado nun país ao que está a chamar á porta a Unión Europea para isto", afirmou.

Respecto da convivencia entre os parques e o sector da pesca, o secretario xeral do PSdeG lembrou que outros países como Inglaterra, Escocia ou Portugal compatibilizan os dous sectores, mais con todo remarcou que "o primeiro que hai que facer é preservar a pesca, por encima de calquera outro interese". "O país ten que asumir esa paradigma e haberá que estudar proxecto por proxecto. En terra hai parques bos, non especulativos, e outros malos para o país, especulativos. E iso é o que hai que refugar. Por que non pode ser o mesmo no mar?", aseverou Formoso.

Nesta mesma liña, o portavoz do PSdeG na Cámara galega, Luís Álvarez, denunciou onte que a Xunta “está a renunciar” a que a Galiza teña o liderado na xeración de enerxías renovábeis.

"Fuxir dos populismos"

Álvarez chamou a “fuxir dos populismos”, dixo en referencia ao BNG por rexeitar a instalación da eólica mariña na costa galega,  ao tempo que apelou a  “aproveitar as oportunidades con garantías ambientais e respecto aos sectores produtivos” que indica que ten este modelo, incidindo nas posibilidades que representa en "crear emprego".

Comentarios