Gómez Reino: "Hai que rematar co intento de desánimo que trata de conseguir o PP"

"A partir do 12 de xullo precisamos un Goberno feminista e que poña no centro as demandas do colectivo LGTBIQ+", incidiu Gómez Reino, sinalando que a posibilidade de evitar que Núñez Feixoo renove a presidencia está "moi preto".
Antón Gómez Reino, Martiño Noriega e Luca Chao nun acto na Coruña na terceira xornada de campaña (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Antón Gómez Reino, Martiño Noriega e Luca Chao nun acto na Coruña na terceira xornada de campaña (Imaxe: Europa Press).

O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, reivindicou na Coruña os “enormes avances” acadados en materia de dereitos e de recoñecemento ao colectivo LGBTBIQ+ polos Gobernos locais das mareas da Coruña, Compostela e Ferrol entre 2015 e 2019.

O acto de campaña, no que estivo acompañado polos números dous e tres da lista pola circunscrición da Coruña, Luca Chao e Martiño Noriega, centrouse na conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+. A partir desta mañá, o aspirante á Presidencia da Xunta despexa a súa axenda para centrarse na preparación do debate electoral de mañá.

A partir do 12 de xullo precisamos un Goberno feminista e que poña no centro as demandas do colectivo LGTBIQ+, incidiu Gómez Reino

O 28 de xuño, lembrou Gómez Reino, é unha data histórica de “celebración, reivindicación e loita por unha sociedade na que todo o mundo poida entender a súa sexualidade e o seu xénero como decida”. “A partir do 12 de xullo precisamos un Goberno feminista e que poña no centro as demandas do colectivo LGTBIQ+”, incidiu o candidato.

Na terceira xornada da campaña, cuestionado sobre as impresións da carreira cara ao 12 de xullo, o secretario xeral de Podemos Galiza sentenciou que “está moi preto” a posibilidade de cumprir coa “responsabilidade histórica” de pór fin “ao decenio negro de Núñez Feixoo” na Xunta.

“Levámolo dicindo desde o comezo e farémolo até o remate. Hai que acabar con ese intento de desánimo que trata de conseguir o PP e as forzas da dereita”, salientou.

Comentarios