martes 26.05.2020
POLÍTICA

Gómez-Reino afirma que as eleccións incumpren "de maneira flagrante" as garantías sanitarias e democráticas

Galicia en Común considera que convocar este proceso electoral é unha "falla de responsabilidade manifesta" por parte do presidente da Xunta, mais vai trasladar "unha proposta de país que supón un xiro de 180º ás políticas dos últimos dez anos".
Antón Gómez-Reino esta segunda feira (Galicia en Común).
Antón Gómez-Reino esta segunda feira (Galicia en Común).

Antón Gómez-Reino, portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, criticou que o presidente da Xunta anunciase "novamente en directo na TVG" a convocatoria de eleccións para o 12 de xullo após non ter máis noticias disto desde a reunión que mantiveron a pasada quinta feira na que Alberto Núñez Feixoo "non informou" de ningunha data para os comicios. 

Para a coalición, con estas eleccións "incúmprense de maneira flagrante as garantías" sanitarias e democráticas. Consideran que pór as urnas en xullo é unha "falla de responsabilidade manifesta" por parte de Feixoo, que "na peor situación epidemiolóxica vai meternos nun proceso electoral coa tensión que iso supón para o país". 

Así, Gómez-Reino considerou que esta convocatoria electoral tamén supón unha "falla de respecto para as profesionais que levan tanto tempo traballando para atallar esta crise e para toda a xente que agora mesmo ten unha situación familiar ou económica complexa". "A Feixoo interésalle máis a súa estratexia electoral que os intereses da xente", engadiu. 

O voceiro cualificou o presidente galego de "irresponsábel" por non querer "responsabilizarse das consecuencias das decisións que toma" e de "incompetente" ao carecer de "interese en exercer as súas competencias". 

Desde Galicia en Común-Anova Mareas salientan que Feixoo "faltou á verdade" esta segunda feira ao sinalar que "non ten responsabilidade" e, así, "deixar en mans da Xunta Electoral as garantías da campaña electoral", cando "lle corresponde por lei á Xunta garantir o proceso".

Desta maneira, Gómez-Reino lembrou que no decreto de suspensión dos comicios do 5 de abril Feixoo propuxo á oposición que se realizarían "unha vez levantado o estado de alarma e o estado de emerxencia sanitaria". "Os decretos de Feixoo son papel mollado, sempre", censurou. 

"Proceso democrático limpo"

Con todo, a coalición di estar "preparada" para trasladar "unha proposta de país que supón un xiro de 180º ás políticas dos últimos dez anos por parte de Feixoo".  

"A pesar de non desexar este proceso electoral, neste momento dicimos que estamos preparadas para acabar co modelo de destrución do público. Imos empregar todas as medidas ao noso alcance para buscar que se garanta un proceso democrático limpo, no que non se poñan en risco a vida e a saúde das galegas que teñen dereito ao voto", aseverou Gómez-Reino.

comentarios