mércores 29.01.2020
POLÍTICA

Gómez-Reino: "Galiza terá un Goberno de coalición"

O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, está convencido de que a Galiza espéralle un Goberno de colación como o que se está "iniciando en Madrid" despois de que se celebren as eleccións autonómicas deste ano.

Antón Gómez-Reino (Foto: Nós Diario)
Antón Gómez-Reino (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, está convencido de que a Galiza espéralle un Goberno de colación como o que se está "iniciando en Madrid" despois de que se celebren as eleccións autonómicas deste ano.

Así o manifestou o político da formación violeta este domingo nunha entrevista na canle galega da Radio Nacional Española recollida por Europa Press. Na mesma, manifestou que "Feixoo non está para nada contento co exemplo" que deron PSOE e Podemos ao "chegar a acordos entre as esquerdas" e que son os mesmos que "no outono" traerán un executivo similar á comunidade galega.

Sobre os próximos comicios electorais, Gómez-Reino tamén está seguro de que o PPdeG "tirará de deputados de Vox se é necesario" para seguir no Goberno galego. Cre "que é evidente que Vox é unha escisión radical do PP e que moitos dos seus representantes no Congreso antes eran antigos deputados do PP".

En canto ao seu partido, o deputado de Unidas Podemos non se atreveu a dar nomes sobre os posibles candidatos ou candidatas para a presidencia da Xunta, pero adiantou que xa están en marcha "os procesos internos" da organización. Aínda que non nega as posibilidades de presentarse ás eleccións con Anova, non sabe se En Marea podería unirse ao acordo, pois é o propio partido o que "ten que decidir se se presentan ou non".

En calquera caso, algo que o secretario xeral de Podemos Galicia quixo deixar claro é que o novo Goberno "vai cumprir" con Galiza. Entre outras cousas destacou compromisos que existen, como a creación do estatuto para as electrointensivas, o redeseño do modelo de financiamento autonómico, a AP-9 que "ten que ser gratuíta e xestionada desde o público" ou a devolución á cidadanía do Pazo de Meirás. Na mesma liña, referiuse tamén á comisión de investigación polo accidente de tren en Angrois -no que morreron 80 persoas en 2013- e da que el formou parte. Espera conseguir "verdade, xustiza e reparación", así como "responsabilidade" no ámbito político.

comentarios