Gómez-Reino ve Galicia en Común consolidada e confía en pór fin á etapa Feixoo

O líder de Podemos na Galiza e deputado na Cámara Baixa, Antón Gómez-Reino, considera a fórmula Galicia en Común consolidada e con capacidade para ser forza de Goberno. Remarca a vontade de sumar outras forzas como Anova e marca a primavera como data tope para a conformación das candidaturas para as eleccións galegas.

Antón Gómez-Reino (Imaxe:  Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Antón Gómez-Reino (Imaxe: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A fórmula Galicia en Común é a aposta na que confía o deputado no Congreso e líder de Podemos na Galiza, Antón Gómez-Reino, como ferramenta máis adecuada para representar a esquerda nos comicios galegos, onde espera que o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, saia derrotado.

Nese sentido, o secretario xeral da formación morada na Galiza, Gómez-Reino, asegurou este sábado 25 de xaneiro nunha entrevista concedida a Europa Press, que a marca Galicia en Común constitúe un proxecto "consolidado" no panorama político e que, ademais, conta co aval de ser unha "forza de Goberno" ao formar parte do Executivo de coalición español formado polo PSOE e Unidas Podemos. Asegura Reino que este feito converte Galicia en Común na ferramenta preferente para plasmar nunha papeleta ao espazo político do que denomina a unidade popular.

"Non só estamos consolidados senón que somos unha forza que agora goberna no Estado. Creo que non é pouca cousa. Galicia en Común é a primeira forza política galega que forma parte dun goberno en España na historia", destacou o deptuado.

Galicia en Común é o nome no que se encadran Gómez-Reino e máis a deputada galega e ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Ambas as dúas apresentáronse nas últimas eleccións xerais baixo a coalición electoral En Común-Unidas Podemos (Podemos-Esquerda Unida) coa que conseguir dous escanos.

Esa alianza non contou con Equo, a diferenza das eleccións de abril de 2019, xa que a formación ecoloxista foi co Máis País de Iñigo Errejón e Carolina Bescansa. Anova tampouco foi nesa candidatura.

O líder de Podmeos na Galiza reiterou que as portas “están abertas para outras formacións”, en referencia a Anova, e sinalou como "evidente" que "no inicio da primavera ten que estar a maquinaria política perfectamente engraxada" para lograr os obxectivos de "acabar co PP e Feixoo" e recuperar o "liderado" na esquerda galega.

Cuestionado sobre a postura expresada nunha tese na que Anova criticaba o trato recibido por  EU e Podemos no último ano, Gómez-Reino asegurou a Europa Press "compartir" coa organización fundada por Xosé Manuel Beiras que o espazo político ha de ser "alargado". "Compártoo cos compañeiros de Anova e con quen sexa", apostilou.

Nesta liña, apuntou que o obxectivo é realizar "ferramentas moi amplas" para recuperar o terreo perdido nos últimos tempos, que cre consecuencia dun "proceso de maduración" mantido ao longo destes cinco anos nos que, ao seu xuízo, houbo "altos e baixos" propios dunha organización política "tan nova" como Podemos e o espazo do 'rupturismo'.

Candidatura á presidencia

Sobre quen debe liderar a candidatura á presidencia da Xunta da Galiza, Gómez Reino afirma estar "moi contento cos resultados dos últimos meses" após o ciclo electoral que se pechou coa conformación do Goberno entre PSOE e Podemos. "E a partir de aí, respectar os tempos da miña organización", engade, antes de remarcar que, logo de conseguir ser parte do Executivo no Estado, "o obxectivo fundamental é gobernar Galiza".

Comentarios