Gómez Reino une a súa voz á de Martiño Noriega e cuestiona a continuidade de Villares

Após a derrota do texto oficial no recente plenario de En Marea, e coas primarias telemáticas axendadas entre o 1 e o 3 de decembro, a presión do sector crítico sobre Luís Villares non fái máis que acrecentarse, con destacados vultos a marcar distancias co duplo portavoz, orgánico e parlamentar, da confluencia. O último en se sumar ao coro, o flamante novo secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino.

Antón Gómez-Reino
photo_camera Antón Gómez Reino, durante unha entrevista con Sermos

Gómez Reino aproveitou a entrevista dominical da SER para pór no albo das súas críticas Luís Villares. A súa liña de argumentación, que baixo a lideranza do xuíz en excedencia En Marea é percibida pola xente como un partido convencional, que é o contrario do que a base social rupturista demandaría da organización. 

"A xente non nos pide que fagamos un partido clásico, a xente pídenos que fagamos unha marea, un espazo onde todo o mundo estea cómodo e sume maiorías, porque é imprescindíbel que agrandemos posicións e sumemos máis xente se queremos desprazar o PP da Xunta", dixo.

Nun ton discursivo moi próximo ao manexado estes días por Martiño Noriega, o líder da Mesa da Confluencia que disputa o poder orgánico a Villares, Gómez Reino pediu ao portavoz da confluencia que reflexione após os resultados deitados polo recente plenario do partido instrumental. "Cando un dirixente, nun proceso interno; [ve que as] súas teses non son refrendadas pola maioría, senón ao contrario, o que ten que facer é reflexionar", afirmou o novo referente orgánico de Podemos Galicia.

Sobre o futuro de Villares, e após afirmar que o político de Lugo está a facer "un bon traballo" como voceiro parlamentar, Gómez Reino considera que "sempre é unha posibilidade" que se vexa obrigado a abandonar a portavocía se finalmente a súa listaxe é derrotada nas primarias.

O sector crítico defende a non compatibilidade entre as portavocías orgánica e parlamentar, un dos asuntos que alimentou a crise entre Luís Villares e os seus antigos aliados.

Comentarios