Gómez-Reino sitúa a Renda Garantida para a cidadanía galega como "obxectivo central" do "futuro Goberno"

"A cidadanía galega merece un Goberno na Xunta que non deixe a ninguén atrás e o camiño pasa, tamén, por transformar unha Risga cativa nunha ferramenta inclusiva para desterrar a desigualdade", afirma o candidato.
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Xulio Ferreiro este domingo na Coruña (En Común). Precampaña electoral.
photo_camera Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Xulio Ferreiro este domingo na Coruña (En Común).

Galicia en Común-Anova Mareas vén de presentar unha proposta para "transformar unha Risga escuálida e insuficiente nunha Renda Garantida para a cidadanía galega", compatíbel co Ingreso Mínimo Vital do Estado e que "amplía coberturas e recursos para avanzar como sociedade con políticas inclusivas que combatan a desigualdade no país".

"Galiza merece un novo modelo de políticas sociais que coide e atenda as necesidades reais da súa xente. A Renda Garantida para a cidadanía galega será un obxectivo central do futuro Goberno galego a partir do 13 de xullo", afirmou Antón Gómez-Reino, candidato á Presidencia da Xunta pola coalición de Podemos, EU, Anova, Compostela Aberta e Marea Atlántica, que este domingo participou nun coloquio sobre esta medida. 

"Estes 11 anos de Goberno do Partido Popular supuxeron un profundo retroceso nas políticas sociais deste país, unha situación que se viu agravada por esta pandemia da COVID-19, crise que deixou a milleiros de galegas e galegos nunha situación insostíbel que o escuálido modelo de política social da Xunta, baleirado de recursos, persoal e dotación non foi capaz de afrontar nin o intentou", argumentou. 

"Recursos, non sobornos"

Gómez-Reino sinalou que a isto hai que sumar que o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "estivo preparando a fondo a súa estratexia electoral deixando ben as claras as súas prioridades: montar un comité de expertos económicos para privilexiar aos de sempre, como xa fixo no 2008 antepoñendo a banca ás persoas", durante estes tres meses. "Agora pretende acalar as protestas dos sanitarios que puxeron o corpo na loita contra a COVID-19 en condicións precarias con cheques de 250 euros", criticou.

"É inmoral e nos avergoña", incidiu, "a sanidade pública merece recursos, non sobornos". "A cidadanía galega merece un Goberno na Xunta que non deixe a ninguén atrás e o camiño pasa, tamén, por transformar unha Risga cativa nunha ferramenta inclusiva para desterrar a desigualdade", sinalou o candidato, que avanzou que estas medidas teñen como horizonte a "implementación progresiva dunha renda básica de carácter universal". 

A proposta de Galicia en Común-Anova Mareas pasa por modificar a lei para transformar a Risga nunha Renda Garantida da cidadanía galega, que se situaría no entorno do 60% do salario medio, sendo compatíbel con outras rendas e prestacións e facilitando o acceso de persoas en situación de vulnerabilidade pero agora excluídas.

Ao tempo, segundo trasladan, se incrementarían o orzamento e a contía das axudas, reforzando o persoal administrativo para evitar atrasos na tramitación de expedientes e simplificando os procedementos burocráticos. A proposta estabelece como beneficiarios aos maiores de 18 anos, empradoados na Galiza nos últimos seis meses e valorando os requisitos individuais, non os de convivenvia. 

Novos modelos de política social

No coloquio, Martiño Noriega, número 3 da lista pola Coruña, fixo fincapé urxencia de implementar a Renda Garantida da cidadanía galega durante a lexislatura: "Queremos converter Galiza nun referente dentro do Estado español no debate, análise e estudo experimental de novos modelos de política social como, entre outros, a Renda Básica Universal, implicando, tamén, ás tres universidades galegas no proxecto".

Pola súa banda, Xulio Ferreiro manifestou que "é responsabilidade dos poderes públicos actualizar e adecuar a contía das prestacións mínimas á situación socioeconómica da contorna e garantir ingresos mínimos suficientes para a cobertura das necesidades básicas e o exercicio dos dereitos fundamentais". 

Comentarios