Gómez-Reino quer un Podemos Galicia que sexa "a ferramenta fundamental do espazo de cambio"

Gañar a hexemonía interna —face a candidatura de Carolina Bescansa— para logo ser o componente maioritario e decisivo no espazo da confluencia —no seo de En Marea. Ese é o obxectivo confeso da candidatura Máis Podemos, que lidera Antón Gómez-Reino. Na súa apresentación este sábado na Illa de Arousa, Gómez-Reino, que conta co apoio de Pablo Iglesias. alegou que a súa lista traballa desde hai semanas para conseguir un Podemos Galicia máis unido.

mais podemos presentacion
photo_camera Un momento da apresentación de Máis Podemos

O combate polo poder interno no seo de Podemos Galicia é un novo capítulo do confronto entre Carolina Bescansa e Pablo Iglesias. O secretario xeral estatal, cuxo relevo ao fronte da organización pretendía a politóloga compostelá nunha alianza con Íñigo Errejón que non acabou de se materializar, xoga esta partida por mediación do seu home no país, Antón Gómez-Reino, parlamentar de En Marea no Congreso dos Deputados.

A candidatura de Gómez-Reino, Máis Podemos, non se recata en subliñar o vínculo con Iglesias, como mostran as fotografías de ambos penduradas na páxina Facebook deste colectivo de dirixentes e militantes do partido morado no noso país.

"En Galicia volta Podemos, un Podemos Galicia con horizonte para ser a ferramenta fundamental do espazo do cambio no país", afirmou Gómez-Reino no acto de apresentación da súa candidatura, realizado na Illa da Arousa.

O parlamentar constrúe o seu discurso sobre a base de que a súa é a candidatura dos círculos, das bases da organización, fronte a un aparato, o controlado por Carmen Santos, aliada de Carolina Bescansa, que, segundo o relato de Gómez Reino, se tería resistido até o final a convocar as primarias.

No evento tomou tamén a palabra Isabel Faraldo, candidata ao Consello Cidadán Autonómico, quen, moi na liña de Gómez-Reino, enfatizou o vínculo da candidatura coa militancia de a pé: "Dos círculos partiu esta Asemblea Cidadá e nós queremos potenciar esa forza".

No mesmo sentido pronunciouse Verónica Hermida, quen anunciou a criación dunha "secretaría de círculos", un órgao de coordenación, para reforzar o papel destas estruturas como "o noso primeiro interlocutor coa sociedade e os movementos sociais".

Comentarios