xoves 09.07.2020
Propostas de benestar animal

Gómez-Reino propón baixar o IVE dos servizos veterinarios

En Común-Unidas Podemos propón reducir o IVE dos servizos veterinarios e da alimentación para mellorar o benestar animal.

[Imaxe: Unidas-Podemos]
[Imaxe: Unidas-Podemos]

Antón Gómez-Reino, cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos pola Coruña, presentou na mañá da quinta feira durante unha visita ao refuxio de Apadán en Culleredo as propostas da candidatura en material de benestar animal.

O tamén secretario xeral de Podemos na Galiza apostou en reducir o IVE aos servizos veterinarios e aos alimentos dos animais, “non entendemos como o IVE que se ten que pagar polos servizos veterinarios é de luxo cando moitísimas familias conviven con animais domésticos. Teñen todo o dereito a un novo marco lexislativo para unha convivencia adecuada”, puxo de manifesto en declaracións aos medios.

Gómez-Reino, que estaba acompañado de Rubén Pérez, membro do colectivo animalista Libera, sinalou que En Común-Unidas Podemos se compromete a baixar o IVE dos servizos veterinarios do 21% ao 10% e reducir o das comidas dos animais do 10% ao 4%.

Unificar a lexislación no Estado

O cabeza de lista pola Coruña apostou nunha lei de protección animal para avanzar na unificación de criterios no Estado español. Foi Rubén Pérez quen informou da disparidade existente na actualidade. E é que o mesmo suceso de abandono pode ser sancionado na Galiza con 30 mil euros, en Castela A Mancha con 6 mil e en Aragón con 150 mil.

Gómez-Reino lembrou que “levamos varios anos traballando polo benestar animal nas Cortes, tanto a senadora Vanessa Angustia, como as deputadas e deputados temos levado iniciativas neste ámbito”. Aproveitou a súa visita a Apadán para agradecerlle o seu traballo, “seguramente non é o suficientemente visíbel, pero é outro exemplo de como a sociedade civil fai o labor que non fan as institucións públicas”.

comentarios