Gómez Reino dá o paso e preséntase como candidato á Xunta

Concorre ás primarias de Podemos-Galiza.
tone
photo_camera Gómez Reino

O secretario xeral de Podemos Galiza e deputado no Congreso, Antón Gómez Reino, confirma esta sexta feira que vai presentar a súa candidatura nas primarias do partido morado para ser cabeza de lista á Xunta nas elección do 5 de abril. "Tomei a decisión de presentar candidatura ás primarias de Podemos", dixo nunha entrevista na TVG na mañá desta sexta feira. Gómez Reino puxo en valor que haxa "20.000 persoas inscritas" que poden tomar parte nestas primarias, no que cualificou como un exemplo de "democracia directa". 

Se ben aínda non está clara cal será a fórmula na que concorrerá Podemos a esa cita electoral - o 21 remata o prazo para formalizar coalicións-, o partido activou as súas primarias para poñer riba da mesa as e os seus candidatos.

"A responsabilidade histórica para todos os progresistas de noso país é arrimar o ombro e a miña responsabilidade é dar un paso adiante e aspirar a liderar a Xunta", apuntou Gómez-Reino, quen non concretou, por agora, se deixará o escano.

O espazo das forzas denominadas ‘rupturistas’ segue en apuradas negociacións para intentar pechar unha nova confluencia para as eleccións galegas do vindeiro 5 de abril.

Podemos, Esquerda Unida, Anova e as mareas municipais lideradas por Compostela Aberta e Marea Atlántica falan de "responsabilidade" e "xenerosidade" á hora de afrontar as conversas precipitadas polo adianto electoral. Mais as posicións semella que comezan a enrocarse.

Segundo fontes de Podemos Galiza consultadas por Nós Diario, a formación morada "non valora" outro escenario que non pase porque a candidata que saia das súas primarias sexa a que represente a toda a confluencia nos comicios.

Comentarios