Gómez Reino, de Podemos, líder de En Marea polo que perguntou o CIS

O CIS non só estima o hipotético resultado eleitoral dos partidos, tamén avalía os líderes das diferentes formacións. No caso de En Marea, submeteron a consideración dos cidadáns a figura de Antón Gómez-Reino, parlamentar de Podemos eleito por A Coruña.

Antón Gómez-Reino, Tone, Podemos Galiza

Embora ser Alexandra González a portavoz de En Marea nos primeiros compases da lexislatura -a portavocía é rotatoria-, o instituto demoscópico público non perguntou por ela ás persoas inquiridas nesta sondaxe, senón por Antón Gómez-Reino, referente de Podemos e persoa moi próxima a Pablo Iglesias, non así a Breogán Riobóo, secretario xeral da formación na Galiza, co que mantén serias diferenzas políticas.

Gómez-Reino non sae ben puntuado na súa primeira comparecencia nesta enquisa. De facto, obtén o peor índice de todos os líderes políticos, o 2,28%, mesmo por debaixo do referente da organización que acotío fecha a cancela do CIS, EH Bildu, cuxa parlamentar Marian Beitialarrangoitia se alza co 2,96%.

A percentaxe de populación que valora Gómez-Reino é só do 1,6% do total estatal, praticamente o mesmo grao de apoio que o inquérito outorgaría a En Marea para o suposto duns novos comicios xerais (1,7%)

Hai que ter en conta, para ponderar o dado, que a percentaxe de populación que valora Gómez-Reino -isto é, que di coñecelo- é só do 1,6% do total estatal, praticamente o mesmo grao de apoio que o inquérito outorgaría a En Marea para o suposto duns novos comicios xerais (1,7%). O 94% di non coñecelo.

O líder máis valorado do Estado é Alberto Garzón, co 4,68%. Despois del vai Xavier Domenech, de En Comú Podem, co 4,26%. Canto aos dirixentes dos partidos estatais con opción de goberno, lideraría Albert Rivera, co 3,92%, por cima da dupla Pablo Iglesias-Pedro Sánchez, emparellados en práctico empate técnico (3,78% para o podemita, 3,75% para o socialdemócrata). Rajoy vai bastante rezagado, co 3,08%.

O resto de referentes fica así: Ana María Oramas (Coalición Canaria), 3,66; Aitor Esteban (PNV), 3,58%; Gabriel Rufián (ERC), 3,56%. Joan Baldoví (Compromís), 3,37%; Francesc Homs (Democrácia i Llibertat), 3,17%.

Comentarios