A respeito da presenza de galegos nos ministerios

Gómez Reino: “As nosas posicións non poden ser liñas vermellas”

O secretario xeral de Podemos na Galiza e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, apelou á flexibilidade e á necesidade de “cumprir o mandato coa cidadanía” para conseguir un Goberno central de coalición, plural e progresista”. Sinalou que as posicións de Unidas-Podemos “non poden ser liñas vermellas”.

D__OI2pX4AAser3
photo_camera [Imaxe: @morgoski] Xornada de formación de Podemos en Compostela.

Non haberá liñas vermellas en relación á presenza de ministras ou ministros galegos nun posíbel goberno de coalición entre o PSOE e Unidas-Podemos a nivel estatal. Así o aseguraba esta mañá Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos na Galiza e deputado no Congreso, en resposta ás preguntas dos medios.

“Como xa dixemos na propia campaña, a cuestión non vai tanto polas persoas, senón con que o goberno cumpra coas demandas para o país”, sinalou ao respecto. Reivindicou que “levamos catro anos levando a axenda galega do cambio ao Congreso” e apostou en desterrar “posicións de máximos” ou de “nomes concretos”.

Nesta liña, puxo de manifesto que é “fundamental” cumprir co “mandato da cidadanía”, que quere “un goberno progresista e plural”.

Xornada de formación

As declaracións do secretario xeral de Podemos na Galiza teñen lugar un día antes do inicio do debate sobre a investidura do Goberno central e no medio das negociacións entre o PSOE e Podemos. Realizounas á entrada dunha xornada de formación de Podemos na que tamén participou Alberto Rodríguez, secretario de Organización a nivel estatal.

“Debateremos a nosa posición e a folla de ruta de cara ás eleccións autonómicas”, explicou Gómez-Reino, que situou o obxectivo non só en quitarlle o poder a Feixoo e ao PP, senón en “cambiar as políticas públicas na Galiza”.

Comentarios