Fixo un balance "satisfactorio" da actual lexislatura

Gómez Reino insiste na fórmula de coalición electoral para as Xerais

Antón Gómez-Reino
photo_camera Antón Gómez-Reino

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, avogou hoxe por pechar canto antes un "acordo electoral coas forzas do espazo de cambio en Galicia" que permita “tecer unha alianza electoral en forma de coalición, enmarcada na alianza confederal e plurinacional do conxunto de actores do cambio do Estado”. “Situamos  os  nosos  obxectivos políticos en volver sumar forzas, en construír unha candidatura que recolla todo o mellor da nosa organización e todo o mellor do espazo do cambio galego”, dixo Gómez Reino.

Nas pasadas eleccións xerais, Podemos Galicia conformou con Esquerda Unida e Anova a coalición En Marea, que, asegurou Gómez Reino, obtivo resultados históricos ao situarse como a segunda forza máis votada en Galiza "e liderando a oposición ao Partido Popular".

A xuízo do secretario xeral de Podemos Galicia, "os resultados políticos de Podemos, do grupo Confederal e da coalición En Marea no Congreso dos Deputados e no Senado nesta lexislatura que remata son evidentes". No centro, subliñou Gómez Reino, "unha intensa iniciativa política en forma de oposición que foi decisiva, política e aritmeticamente, para desbancar do goberno ao PP".  "A alianza de EU, Anova e Podemos non só transmitiu as inquedanzas da cidadanía galega", apuntou, "senón que foi un grupo singular e relevante dentro do Grupo Confederal de Unidos Podemos, En Comú Podem e En Marea". 

“Quedan, con todo, moitos desafíos pendentes, e son estes desafíos os que, a partir do 28 de abril, os que Podemos Galicia quere abordar con presenza de galegas como deputadas no Congreso e como senadoras no Senado”, subliñou o secretario xeral de Podemos Galicia. “E para iso precisamos unha fórmula de maiorías que consolide o alcanzado e que nos permita sumar forzas desde Galicia para a conformación dun goberno de cambio, de progreso, de avance democrático e de transformación social”.

Comentarios