Vitoria do candidato de Pablo Iglesias fronte a Carolina Bescansa

Gómez Reino imponse nas primarias de Podemos Galicia

NOTICIA ACTUALIZADA. A pesar de que a organización aínda non o comunicou oficialmente, Antón Gómez-Reino é o claro gañador das eleccións primarias en Podemos Galicia, ao derrotar a Carolina Bescansa. Tone obtivo 54,98 por cento do voto face 45,02 por cento da politóloga compostelá, de acordo con datos filtrados por unha fonte do partido morado á axencia Efe. Gaña Gómez Reino e gaña tamén Pablo Iglesias, que deste xeito volta a inflixir unha derrota ao sector crítico, desta volta representado pola súa antiga aliada e cofundadora da organización.

Antón Gómez-Reino
photo_camera Antón Gómez-Reino

Antón Gómez Reino, un home de Pablo Iglesias, é o novo secretario xeral de Podemos Galicia após se impor nas primarias a Carolina Bescansa, con Íñigo Errejón a figura máis destacada do sector crítico do partido morado.

Nunhas breves declaracións á SER, Gómez Reino fixo un apelo á unidade e a "camiñar xuntos".

A derrota deixa nunha posición moi delicada a Bescansa, unha dirixente que durante a campaña das primarias deixou entrever a súa ambición de non só liderar Podemos Galicia, senón o conxunto da alternativa rupturista nas próximas eleccións galegas.

No momento en que rediximos esta información, Podemos Galicia aínda non comunicou oficialmente os resultados das primarias nen através das súas redes sociais nen a través da páxina web electoral.

O que si se sabe con certeza é o número de persoas inscritas que emitiron o seu voto. Foi un total de 3.172.

De acordo cos datos fornecidos por unha fonte da organización á axencia Efe, Gómez Reino tería obtido 54,98 por cento do voto, fronte ao 45,02 por cento de Bescansa.


O revés da politóloga compostelá éo tamén da anterior secretaria xeral, Carmen Santos: a súa aposta por se desmarcar do pablismo no momento en que abandona a dirección da formación morada fica claramente desautorizada polas bases.

Comentarios