Gómez-Reino: "O Goberno que imos facer en Madrid vai repetirse na Galiza" en 2020

Admite ter "moi claro" o perfil do candidato para "liderar o cambio" na Xunta, mais lembra: "Debémonos aos procesos internos".

Foto Tone

O secretario xeral de Podemos en Galiza, Antón Gómez-Reino, asegurou que o novo Goberno que o seu partido prevé formar no Estado da man do PSOE "vai repetirse en Galiza" após as eleccións galegas que están previstas para este ano, 2020

Nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser, recollida por Europa Press, o tamén deputado de Galicia en Común pola Coruña asegurou que "por suposto" haberá investidura do presidente aínda en funcións, Pedro Sánchez, e que o Executivo de coalición que formarán "vai ser moi positivo" para Galiza "O Goberno que estamos a construír en Madrid vai repetirse en Galicia, e a mellor noticia é que Galiza vai estar no Goberno en Madrid", recalcou.

Preguntado sobre se a tamén deputada galega Yolanda Díaz formará parte dese novo Goberno, tal e como apuntan os ruxes ruxes, Gómez-Reino limitouse a responder que "sería unha magnífica noticia para os traballadores" do país. "O fundamental son as medidas", matizou.

De cara ás eleccións galegas, Gómez-Reino dise "convencido" de que o tempo de Núñez Feixoo como presidente da Xunta " acabou politicamente", polo que estes próximos comicios "decidirán quen vai liderar ese cambio".

Mentres Esquerda Unida (EU) xa seleccionou á súa coordinadora nacional, Eva Solla, como candidata á Presidencia da Xunta, o partido morado aínda mantén a incógnita á espera de ver se se reedita a coalición entre forzas da esquerda.

E é que estes dous partidos comparten grupo no Parlamento galego con Anova, formación nacionalista que tamén formou parte de En Marea e coa que non conseguiron artellar unha candidatura única nas xerais deste 2019.

Así, Gómez-Reino admitiu que con Anova "comparte moito espazo político" tanto na Cámara galega como en moitos concellos, pero mostrouse "escrupuloso cos tempos orgánicos doutras organizacións". "Para vencer Feixoo non nos sobra xente, senón que nos falta. As portas sempre están abertas", apostilou.

Comentarios