Gómez-Reino di "ter claro" o perfil do candidato á Xunta

O secretario xeral de Podemos Galicia pide respectar "os procesos internos" do seu propio partido e dos posíbeis socios, e sinala que "o espazo electoral que en 2015 e nas galegas de 2016 permitiu que superásemos ao PSOE segue vivo" e iso fai posíbel que "poidamos volver a liderar a esquerda neste país en 2020".
Luca Chao, Gómez-Reino e Marcos Cal, esta sexta na sede compostelá de Podemos
photo_camera Luca Chao, Gómez-Reino e Marcos Cal, esta sexta na sede compostelá de Podemos.

Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia, manifestou onte en rolda de prensa en Compostela que ten "claro" o perfil da persoa que debería encabezar a lista pola que finalmente se presente a súa formación, mais sinalou que "debemos respectar os procesos internos" do propio partido e dos seus socios no Parlamento galego antes de facer ningunha valoración. 

Gómez-Reino participou xunto as deputadas Luca Chao e Marcos Cal na presentación dunha iniciativa de Podemos Galicia para levar o debate sobre a preservación e a xestión da auga "á sociedade civil galega", con vistas a que "un futuro Goberno de progreso na Xunta" empece a cambiar a política de privatizacións e desperdicio dun recurso básico.

Mais na véspera da asemblea de Anova e despois dunha semana na que Esquerda Unida pediu renovar a coordinación electoral entre as formacións que seguen sendo socias no Parlamento galego, Gómez-Reino tivo que responder a varias preguntas sobre a mesma cuestión: está Podemos por volver a coaligarse con EU e Anova?

"Aquí non sobra ninguén", dixo o secretario xeral e deputado en Cortes, "a nosa vontade é a de sumar actores a este espazo compartido, pero non só actores políticos, tamén da sociedade civil". Gómez-Reino referiuse a Anova como un "aliado" e volveu insistir que a fórmula de concorrencia na Galiza nos últimos procesos electorais, Galicia En Común, "é positiva". Tamén afirmou que "o espazo electoral que en 2015 e nas galegas de 2016 permitiu que superásemos ao PSOE segue vivo" e iso fai posíbel que "poidamos volver a liderar a esquerda neste país en 2020".

A auga

Respecto da iniciativa medioambiental, Marcos Cal explicou que se trata dun "documento base" que o partido elaborou coa colaboración de Pedro Arrojo, o profesor zaragozano que liderou, entre outras, a loita pola conservación do Ebro. 
A intención de Podemos Galicia é "compartir" estas reflexións con diferentes actores da sociedade civil galega e crear o marco para as novas políticas sobre a auga que debería levar adiante o Goberno alternativo a Feixoo. Segundo avanzou Marcos Cal, o documento promove a xestión pública dos servizos municipais de augas.

Comentarios