5-A

Gómez-Reino manterá o escano no Congreso durante a campaña do 5-A

O secretario xeral de Podemos Galicia, que aspira a presidir a Xunta, asegura nunha entrevista na Radio Galega que ten boa relación con Anova. Sobre Luís Villares sinala: "Cada un ten que facer o seu camiño".

podemos
photo_camera Gómez-Reino salientou de cara ás eleccións a importancia de que a galega Iolanda Díaz sexa ministra de Traballo (@AntonGomezReino)

Nunha entrevista na Radio Galega, este domingo, o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, que recentemente se postulou a encabezar as listas da formación ás vindeiras eleccións ao Parlamento, sinalou que non ten previsto deixar o seu escano do Congreso en Madrid. Isto, matizou, non implica que non vaia dedicar "todo o seu tempo" á campaña do 5 de abril.

Neste sentido, comparou a situación cos candidatos popular e socialista, Alberto Núñez Feixoo e Gonzalo Caballero, respectivamente, que "manteñen o seu posto de deputado na Deputación Permanente do Parlamento de Galiza". "Eu, por responsabilidade e como todo o mundo entenderá, as maiorías son moi axustadas no Congreso para as votacións e teño que manter o meu escano", xustificou.

Ao respecto da fórmula con que se presentarán aos comicios, Gómez-Reino dixo que sería "un pouco irresponsábel" alterar a marca Galicia en Común, xa que foi "terceira forza" en Galiza nas eleccións ao Parlamento español do 28 de abril e do 10 de novembro. Neste sentido, cre que, nunha "campaña tan corta", esta denominación debe ser o punto de partida desde o que sumar outras forzas da esquerda rupturista que no pasado formaron parte da xa rota plataforma En Marea.

Noriega e Villares

Gómez-Reino insistiu en que Anova e as mareas municipalistas ─que preparan unha candidatura á marxe─ estarían "cómodos" dentro de Galicia en Común, a marca na Galiza do partido de ámbito estatal Unidas Podemos. Asegurou, ao respecto, que mantén conversas "activas" con Anova.

Sobre o ex alcalde de Compostela Martiño Noriega, que lidera as negociacións de Anova e cuxo nome soa como candidato á Xunta, Gómez-Reino expresou que mantén con el "unha magnífica relación persoal" e engadiu que "é unha boa noticia que estea levando as relacións políticas" do seu partido. "A partir de aí, son eles os que teñen que tomar as decisións orgánicas que correspondan", apostilou.

No entanto, non quixo valorar o papel do portavoz de En Marea, Luís Villares, que nas autonómicas do 2016 foi o candidato da plataforma instrumental na que confluíron Anova, Podemos, Esquerda Unida (EU) e as mareas municipalistas e que conseguiu ser segunda forza no Hórreo. "Cada un ten que facer o seu camiño", limitouse a responder Gómez-Reino.

Primarias

Gómez-Reino, que aínda non é candidato á Presidencia da Xunta por Podemos, terá que enfrontarse primeiro nas primarias co militante de Ourense Martín Bardelas, co que dixo que aínda non falara mais que o faría nas próximas horas.

Posteriormente, está por dilucidarse quen liderará Galicia en Común de cara a presidir a Xunta, xa que Esquerda Unida xa seleccionou hai meses a candidata Eva Solla. En calquera caso, Gómez-Reino non ten "ningún tipo de dúbida" de que haberá acordo para formar Goberno no caso dunha maioría de esquerdas, e salientou de cara ás eleccións a importancia de que a galega Iolanda Díaz sexa ministra de Traballo.

Comentarios