martes 07.07.2020
Investidura

Antón Gómez-Reino asegura que "Galiza estará no Goberno" de coalición

O deputado de Galicia en Común afirmou no Congreso que este Goberno de coalición "vai gobernar tamén na Galiza"
O deputado Antón Gómez-Reino na súa intervención no Congreso (Galicia en Común)
O deputado Antón Gómez-Reino na súa intervención no Congreso (Galicia en Común)

O portavoz de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, defendeu este sábado na primeira sesión do debate de investidura que se celebra no Congreso que Galiza "estará no vindeiro Goberno". "En campaña dixemos que o noso país, Galiza, tiña que estar no vindeiro Goberno do Estado. E Galicia vai estar", sinalou.

Gómez-Reino incidiu en que "Galiza está presente no programa de Goberno cando falamos da suba das pensións e do salario mínimo interprofesional, da derogación da reforma laboral e da LOMCE, ou da coñecida como 'lei Mordaza', de acabar do copago farmacéutico e non permitir que pechen unidades de asistencia ao partido como a de Verín".

"Pero tamén cando falamos do compromiso xa firme para recuperar o Pazo de Meirás; o programa de retorno de persoas emigradas a Galicia; de mulleres e rural, co compromiso para activar a lei de titularidade compartida; de loita contra os incendios; o saneamento das nosas rías; do plan de desenvolvemento industrial e do estatuto electrointensivo, para Alcoa e Ferroatlántica, entre outras", detallou Gómez-Reino.

O portavoz de Galicia en Común avanzou que este Goberno de coalición estará máis comprometido con Galiza, "cando falamos do compromiso que conseguimos arrancar para a ratificación do convenio 188 da OIT que vai mellorar a vida de máis de 11.000 galegos e galegas que viven do mar".

"O Goberno de coalición que imos iniciar no Estado é o Goberno que a partir deste outono vai gobernar tamén na Galiza", aseverou Gómez-Reino.

Así mesmo, o deputado resaltou "o ilusionante desafío histórico", pero tamén "a ofensiva bárbara da dereita", e fixo un chamado á "calma" e á "mobilización cívica" para defender a democracia.

comentarios