Eleccións

Gómez-Reino aposta pola marca Galicia en Común no anuncio da súa candidatura

Complícase a configuración dunha coalición máis alá de Podemos e Esquerda Unida para as eleccións galegas.
O candidato as primarias de Podemos na Galiza, Antón Gómez-Reino (Nós Diario).
photo_camera O candidato as primarias de Podemos na Galiza, Antón Gómez-Reino (Nós Diario).

Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia e portavoz de Galicia en Común no Congreso das Deputadas, anunciou onte desde A Coruña a súa candidatura ás primarias da formación morada "para liderar", nas súas propias palabras, "a nosa candidatura para a Presidencia da Xunta da Galiza".

A súa postura a respecto dos chamamentos á "unidade" realizados desde o soberanismo e o municipalismo quedou clara coa súa reivindicación da coalición con Esquerda Unida empregada nas eleccións estatais de 2019: Galicia en Común. "Nós temos unha ferramenta electoral que foi terceira forza política nas últimas eleccións estatais, que é Galicia en Común", sostivo onte, "e dígoo sempre, non sobra ninguén para construír a alternativa que ten que acabar co decenio negro de  Alberto Núñez Feixoo".

Gómez-Reino salientou que "o desafío que temos por diante no noso país é moi grande". "É evidente, dicíamos nos últimos meses, que a mellor nova que lle podíamos dar ás galegas e aos galegos de cara ás eleccións é que consigamos un Goberno de progreso e plural no Estado. Agora mesmo témolo e creo que o desafío é construír tamén un Goberno progresista, que nós aspiramos a liderar desde Podemos Galicia e Galicia en Común, a partir do 6 de abril na Xunta", debullou o candidato.

Máis de 20.000 inscritas de Podemos poderán votar nestas primarias, que pecharon onte o seu prazo de inscrición. Fontes do partido consultadas por Nós Diario apuntaron a que non haberá unha candidatura rival á do seu secretario xeral. "Eu espero recadar a confianza da maioría. Tanto eu como a lista de persoas que me acompañarán para ser deputados e deputadas no Parlamento da Galiza", salientou Gómez-Reino, quen fixo fincapé no seu "proxecto sólido" para "liderar o cambio" na Galiza. "Creo que o tempo de Alberto Núñez Feixoo rematou", aseverou.

Segundo trasladou onte, entre os obxectivos de Gómez-Reino para "dar o paso" á política figuraba a intención de "cambiar o país". "En 2015 fomos capaces de cambiar as cidades, creo que agora mesmo, despois de moito traballo no que eu participei, humildemente, en primeira persoa, temos un Goberno de progreso que sobe o salario mínimo interprofesional, que sobe os salarios das funcionarias e está ofrecendo políticas públicas expansivas", explicou.  

"É unha responsabilidade pública arrimar o ombreiro e eu, como secretario xeral de Podemos Galicia, creo que a miña responsabilidade é dar un paso adiante para liderar a ferramenta de Galicia en Común, de Unidas Podemos, para aspirar a liderar a Presidencia da Xunta da Galiza", abundou.  

Con todo, esta quinta feira Gómez-Reino asumiu a presidencia dunha comisión no Congreso e onte non aclarou se vai deixar o seu escano na Cámara estatal antes dos comicios galegos. "Hai que ver", apuntou, para engadir que "se hai unha maioría de progreso liderada por nós a partir do 6 de abril, aí evidentemente haberá que dar pasos e centrarse no noso país".

En paralelo, as negociacións para a coalición entre Podemos, Esquerda Unida, Anova e as mareas municipais lideradas por Compostela Aberta e Marea Atlántica seguen o seu curso. Aínda que a postura de Podemos a respecto do seu candidato, situado pola súa parte como o representante do espazo político e como "adversario" do socialista Gonzalo Caballero e da nacionalista Ana Pontón, dificulta o entendemento coas forzas soberanistas e municipalistas.

Así, a candidata de Esquerda Unida á Presidencia da Xunta, Eva Solla, valora como "normal" que o secretario xeral da formación morada na Galiza sexa o seu candidato e comprende que "cada un defende o seu". Outro escenario será, segundo declarou Solla a Nós Diario, cando se senten a "conformar o conxunto da candidatura".

Iso será "outra" negociación, e Solla incide en que "cada formación ten que aportar os mellores cargos políticos" para esa lista conxunta. Desta maneira, para EU "non varía" a intención de acudir con Podemos ás eleccións galegas. Non en van, Esquerda Unida forma parte da marca Galicia en Común reivindicada onte por Gómez-Reino.

A Rede, o máximo órgano de toma de decisións da Marea Atlántica, realizou un chamamento "á unidade" a través dunha candidatura "ampla e plural" na que estean representados "os catro grandes eixos das confluencias que naceron en 2015: Podemos, Esquerda Unida, Anova e o municipalismo que representan Compostela Aberta, Ferrol en Común, a Marea de Vigo, Ourense en Común, Sada Maioría ou a propia Marea Atlántica, entre outras organizacións". Esta proposta, segundo informaron desde a forza municipalista coruñesa a Nós Diario, foi trasladada a Podemos e "non houbo contestación oficial".

Por outra banda, Anova manterá hoxe unha xuntanza da súa Coordinadora Nacional en Compostela para afondar no contido dos últimos encontros enfocados á construción dunha nova confluencia para o vindeiro 5 de abril. Desde a formación nacionalista non confirman que da reunión vaia saír unha postura definitiva. 

En Marea lembra que Podemos "non é autonomista nin municipalista"

O portavoz de En Marea lembrou onte, en declaracións a Nós Diario, que Podemos xa "demostrou" que "non é autonomista nin municipalista". "Podemos presentouse contra Ourense en Común, Marea de Pontevedra e Lugonovo", esgrimiu Luís Villares como exemplos do seu "desprezo evidente polo municipalismo". Con isto, Villares fixo unha advertencia tanto a Anova como as mareas municipais: "Anova debera de aprender a lección de Podemos nos dous procesos estatais nos que os ningunearon. Como forza republicana, Anova debería ter comprobado que a irmandade de Podemos é ben escasa". Por iso, abundou o voceiro de En Marea, o seu partido "descartou" o pacto coa formación morada. En Marea celebra hoxe en Compostela unha reunión do seu Consello.   

Comentarios