martes 26.05.2020
POLÍTICA

Galicia en Común aposta por un modelo de "xestión 100% pública" nas residencias

Antón Gómez-Reino mantivo unha reunión con asociacións de familiares de usuarias dos centros de maiores do país e comprometeuse a "reverter a situación" derivada dun modelo privatizador, que se agravou coa crise do coronavirus.
Antón Gómez-Reino na súa rolda após a xuntanza virtual (Galicia en Común).
Antón Gómez-Reino na súa rolda após a xuntanza virtual (Galicia en Común).

"As residencias de maiores non poden ser un negocio nin poden buscar a conta de resultados, senón dar o mellor trato e servizo ás nosas maiores". O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, aposta por "aumentar de maneira exponencial as prazas públicas" nos centros de maiores "co obxectivo de lograr un modelo de xestión 100% pública a medio prazo".

O portavoz reuniuse esta terza feira con representantes de varias entidades vinculadas ás residencias de maiores do país, entre elas  REDE, ASFAREBA, asociación de familiares da residencia Domus VI San Lázaro, FAUDEMA, TREGA e a asociación de familiares da residencia San Carlos de Celanova.

Na xuntanza, segundo trasladan desde a coalición, denunciouse a precaria atención ás persoas maiores derivada da "privatización do modelo", unha situación "que se agravou durante a crise do coronavirus".

Así, estes colectivos lembraron que "o 45% dos falecementos por coronavirus na Galiza producíronse nas residencias de maiores, con 90 residentes e 37 traballadores contaxiados só na residencia Domus Vi San Lázaro, en Compostela".

"Complicidade" coa Xunta

A falla de persoal e as condicións laborais do mesmo centran as preocupacións das familiares de usuarias de residencias, que afirman que existe unha "absoluta complicidade entre a Xunta e as empresas concesionarias das residencias", sobre todo no caso concreto de Domus Vi.

Gómez-Reino comprometeuse a "reverter a situación no marco da asistencia ás nosas maiores, que leva máis dunha década de recortes do Goberno popular de Feixoo". "O modelo actual resulta insuficiente", aseverou, para propoñer un seguimento dos servizos ofrecidos para "garantir condicións dignas de atención" e "incrementar o persoal".

Visitas con "regras claras"

Sobre o reinicio das visitas aos centros de maiores, aínda pendente do visto e prace das Administracións, Gómez-Reino sinalou que deben definirse "protocolos e regras claras" antes de permitilas e que non contar con medidas de seguridade adecuadas sería "unha irresponsabilidade".

"É evidente que despois de centenares de mortos nas resdiencias non se poden pór en risco", remarcou.

comentarios