Gómez Reino ábrese a ser candidato á Xunta

O secretario xeral de Podemos Galiza pide respectar o proceso de primarias do partido, que foi adiantado após o anuncio electoral de Feixoo.

Foto Tone

O secretario xeral de Podemos na Galiza e deputado de Galicia en Común-Unidas Podemos no Congreso, Antón Gómez Reino, abriu esta terza feira a posibilidade de se converter en candidato á Xunta nas eleccións galegas do 5 de abril, mais solicitou respectar o proceso de primarias que comezará en breve

"Debemos respectar os tempos orgánicos. Creo quen esta semana comeza o proceso das primarias, nuns días teremos a solución para este asunto", dixo en declaracións aos medios no Congreso, antes de participar na Xunta de Portavoces, preguntado por se ía ser candidato á Xunta.

Desta forma, Gómez Reino non quixo adiantar acontecementos, mais tampouco desbotou a posibilidade de presentarse a esas primarias para converterse en candidato da súa organización á presidencia da Xunta.

De feito, o avance electoral obrigou a modificar o calendario das primarias para elixir as e os candidatos de Podemos nos comicios galegos, que inicialmente estaba previsto que comezase o 24 de febreiro.

Segundo o partido morado, o proceso está activado esta terza feira coa apertura do prazo para a preinscrición de candidaturas, que pechará esta sexta feira. Ese mesmo día, prevese unha roda de prensa de Gómez-Reino para informar sobre o proceso.

Despois do período de recollida de avais, as candidaturas finais publicaranse o día 19, e comezarán entón cinco días de campaña e debates entre as persoas postuladas. A votación terá lugar do 20 ao 25 ​​de febreiro e, dous días despois, o 27; coñeceranse os resultados definitivos.

O que quixo deixar claro Gómez Reino é que, independentemente das e dos candidatos, desde Galicia en Común e Unidas Podemos traballan para facer posíbel tamén formar na Galiza "un goberno plural de esquerdas".

Comentarios