Gómez-Reino móstrase aberto a sumar Anova e os ex alcaldes das mareas de cara ás eleccións galegas

O secretario xeral de Podemos Galiza, Antón Gómez-Reino, mostrouse aberto a “sumar moita xente” de cara ás eleccións galegas previstas para o outono de 2020. Nunha entrevista para a radio pública, sinalou Anova e os ex alcaldes das mareas de A Coruña, Ferrol e Compostela como valiosos apoios.
Antón Gómez-Reino. Galicia En Común (1) Eleccións estatais 10-N
photo_camera Antón Gómez-Reino.Galicia En Común (1) Eleccións estatais 10-N

O secretario xeral de Podemos Galiza, Antón Gómez-Reino, mostrou a súa vontade de “sumar moita xente” de cara ás eleccións galegas previstas para o outono de 2020, nunha entrevista para a radio pública. Con isto apunta de maneira directa a Anova e aos ex alcaldes das mareas de A Coruña, Ferrol e Compostela.

O político destacou que a marca En Común-Unidas Podemos é un “espazo consolidado desde o que construír e sumar actores”, mantendo as portas abertas aos nacionalistas de Anova, mais incidindo na necesidade de seren “coidadosos” en relación ao proceso de asemblea interna que están a vivir.

Así mesmo, Gómez Reino destacou que os ex alcaldes Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), Martiño Noriega (Compostela Aberta) e Jorge Suárez (Ferrol en Común) son “persoas moi valiosas” coas que “evidentemente hai que contar” nun proceso de diálogo que permita pór fin ao mandato de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta da Galiza.

Preguntado sobre a súa disposición a se colocar como candidato á presidencia do Goberno galego en 2020, Gómez-Reino afirmou estar “absolutamente centrado en pechar o goberno de coalición no Estado”. Ademais, fixo referencia á “magnífica noticia” que sería que a deputada de En Común por Pontevedra, Yolanda Díaz, fose ministra na coalición co PSOE.

Comentarios