Gómez Besteiro: "España ten un piar básico na descentralización"

Cales son as tres ideas forza arredor das que debe pivotar o proceso de renovación do PSdeG?
As tres ideas sobre as que oscila a renovación do PSdeG son a lexitimidade que vai ter o novo secretario Xeral, baseada no voto dos militantes; a construción dunha alternativa sólida ao Goberno despótico de Núñez Feijóo; e a unidade do partido.

A renovación que defende no PSdeG tamén a defende no PSOE ou, vería con bons ollos a continuidade de Rubalcaba á fronte do partido?
Rubalcaba foi elixido nun Congreso polos delegados do partido hai un ano e medio. Na actualidade o partido encóntrase nun proceso de renovación que culminará co Relatorio Político de novembro. Unha vez renovado e reideoloxizado o discurso, virá o momento de elixir quen será o Secretario Xeral

Prometeu que se sae elixido secretario xeral promoverá unha asemblea anual coa militancia. Terá poder de decisión ese órgano?
O noso partido non é un partido asembleario. Pero si que é un partido onde, necesariamente, as decisións se teñen que tomar de xeito colectivo para que todos os militantes asuman como propias as medidas que se toman no PSdeG.

Fala de re-pensar a estrutura organizativa  fortalecendo as agrupacións locais, pola contra M. Vázquez vai máis alá e propón recuperar a estrutura comarcal...
Non se trata de se a estrutura é comarcal ou provincial. Trátase de ter unhas agrupacións locais fortes e próximas á cidadanía, e relacionalas supramunicipalmente para compartir recursos e solucións.

Hai que fortalecer o autogoberno?
Non se trata de fortalecer o autogoberno ou non. España é un estado autonómico que ten na descentralización administrativa un piar básico, e iso é o que hai que defender fronte ao afán centralizador do PP. 

Comentarios