luns 20.01.2020

O golpe de Estado en Tailandia lexitimado nun chío

Implacábel observador, Cosme Torreiro non deixa pasar nen a primeira. E o rastrexa todo. As redes sociais, tamén.

quiosque
quiosque

Pois xa chega o final de campaña, e o esperado confirmouse: os medios hexemónicos intentaron respectar os desexos dos grandes partidos de manter unha campaña de perfil baixo, con pouca presenza na rúa e tampouco nos xornais, que mesmo nos últimos días recuperaron a Pokémon con certo intento de convertelo nun “todos son iguais” que resulta difícil de comprobar no día a día. Pero iso é o de menos, os intereses dos grandes editores son outros. E así como noutras ocasións pedían o voto con desespero, nesta pouca cousa, só denuncias contra o “populismo”, como a fixo Roberto Blanco Valdés en La Voz, onde deixou caer que a estrema dereita de Le Pen “comparte moitas opinións” coa “estrema esquerda”, que sen nomear xa podemos imaxinar a quen se refire. Non teñen límite as súas manipulacións.

EunonManipulo

Para loitar contra ela nos medios públicos naceu un blogue -eunonmanipulo-, feito polo propio persoal da TVG. No mesmo tamén se denunciou o que foi unha das características da campaña, o silenciamento do BNG. Até o punto de que o acto celebrado pola forza nacionalista na Praza do Obradoiro para queixarse da marxinación á que foi sometido polos medios públicos, pois en efecto, foi silenciada polos medios públicos.

Pero o problema da prensa sistémica non é só de campaña. Estaba antes e seguirá despois. É cuestión de modelo e mesmo de concepto. Poucas cousas máis arrepiantes que un chío do Faro de Vigo onte onde se informaba do golpe de estado en Tailandia e engadían: “Os militares toman o mando para restaurar a orde”. Tempos aqueles nos que se consideraba o xornalismo como un modo de denuncia...

comentarios