Rubén Pérez, candidato á Alcaldía de Vigo por Marea de Vigo

"O goberno de Vigo tentou silenciarnos desde o primeiro momento"

Rubén Pérez é o candidato da Marea de Vigo á Alcaldía da cidade. Licenciado en Historia, é secretario de organización da federación galega do PCE e coordinador local de Esquerda Unida. Actualmente é concelleiro na corporación municipal. Responde este cuestionario a través do correo electrónico.

Rubén Pérez
photo_camera Rubén Pérez

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Unha formación política nova que obtén representación por primeira vez e que vén emendar gran parte das políticas que se teñen artellado desde os sucesivos gobernos locais, obviamente, non o ten doado, pero sen dúbida o proceso de aprendizaxe da acción institucional foi moi gratificante.

Marea de Vigo tivemos axudas moi significativas de traballadores e traballadoras públicas que queren, dunha vez por todas, cambiar o Concello e coido que fomos referentes en abrir as oficinas municipais á cidadanía con máis de 100 consultas de persoas e colectivos sobre temas de urbanismo, infraestruturas, cobertura e axudas sociais, etc…

Marea de Vigo fomos a única forza que parou, cunha denuncia e unha sentencia favorábel, máis de 30 anos de políticas clientelares na adscrición provisional de funcionarios a xefaturas que obrigará no futuro a un concurso transparente para designar as xefaturas. E todo cun grupo municipal sen dedicacións exclusivas, sen recursos e cun goberno local que tentou desde o primeiro momento silenciarnos, mesmo modificando o regulamento orgánico do Pleno para limitar a capacidade fiscalizadora da oposición. Queda moito traballo por facer pero hai unha sensación xeneralizada na cidadanía de que os novos xeitos de facer política municipal que puxemos no edificio da Praza do Rei viñeron para quedar.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Coido que estamos ante a peor etapa da historia recente de Vigo en canto a democracia, participación e mesmo a fiscalización pública dos servizos concesionados. Un xeito cesarista de entender a institución  que está hipotecando o futuro non só do Concello senón da consciencia crítica de gran parte da cidadanía e o tecido social da cidade.

A cultura do medo a perder recursos e plans de emprego está á orde do día no movemento veciñal

Non existe fiscalización, a cultura do medo a perder recursos e plans de emprego está á orde do día no movemento veciñal, hai unha instrumentalización permanente dos medios de comunicación mediante inxección de cantidades inxentes de diñeiro procedentes do Concello e da Deputación e nin sequera se traballa nas prioridades dun municipalismo progresista expresadas nas propias resolucións da FEMP. Coido que estas prácticas estaban enraizadas en gobernos anteriores pero coa maioría absoluta cronificáronse de xeito evidente.

E o traballo realizado polo seu partido?

Eu poño en valor que, até que Marea de Vigo chegou ao Concello, non se abrían temas centrais para a xestión pública, como o que pasa na contratación pública neste concello, o control e fiscalización das concesionarias, a creación dun aparato de funcionarios públicos primados con xefaturas de servizo a cambio de prebendas políticas, a xestión orzamentaria e a facenda pública, a execución real dos investimentos orzamentados, etc... Iso non se discute socialmente e é un dos activos que a cidadanía viguesa valora de Marea de Vigo.

Puxemos enriba da mesa a necesidade de abordar temas como unha alternativa ao modelo do PXOM do 98

Ninguén pateaba os barrios para explicarlles como funciona un orzamento ou como estaba a situación urbanística despois da anulación do ordenamento vixente. Do mesmo xeito, puxemos enriba da mesa a necesidade de abordar temas como unha alternativa ao modelo do PXOM do 98 (finalmente anulado), poñer o foco sobre a pobreza e exclusión social na cidade, a necesidade de remunicipalizar servizos. Analogamente, fixemos un traballo importante para a unidade de toda a esquerda política e social de Vigo, hoxe Marea de Vigo suma máis espazos (algúns importantes para o proceso de unidade popular, como Equo e Podemos) e máis sensibilidades que en 2015 e nesta conxuntura actual para nós é un traballo especialmente significado.

Cal é a principal necesidade de Vigo?

Resumímolo en xustiza social. Que a ninguén se lle corte a auga por non poder afrontar os pagos, que existan uns servizos sociais municipais suficientes e que tramiten en tempo as rendas de integración e as xestións administrativas para outras axudas, que exista unha política proactiva do concello para asumir competencialmente políticas de vivenda de emerxencia para persoas que perden as súas e crear un parque propio municipal de vivenda de emerxencia que, en primeira instancia, teña a disposición do Concello as que son titularidade da Sareb. Non é un tema menor nun concello que ten xa uns niveis de pobreza cronificados. A partir de aí, resolto isto, falemos de infraestruturas, falemos de servizos públicos e de calidade e artellemos un urbanismo sostíbel e non pensado para inflar de novo a burbulla.

Vigo precisa xustiza social

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará na nova lexislatura se está no goberno?

 Queremos abrir o concello á cidadanía, creando unha verdadeira ordenanza de participación cidadá que regule, entre outras cuestións, os orzamentos participativos en materia de investimentos. Democratizar as prácticas institucionais modificando o regulamento do pleno, recuperando o papel fiscalizador e decisivo dos Consellos Municipais e creando novos, como o de Cultura. Normalizar a concorrencia dos espazos asociativos ás subvencións públicas e plans de emprego mediante a concorrencia competitiva, reservando a figura dos convenios a aqueles supostos verdadeiramente xustificados. Cunha democratización da práctica política iniciariamos un cambio verdadeiramente público para o resto dos asuntos municipais: facenda, servizos públicos esenciais, servizos sociais, cultura… Nese eixo primixenio queremos movernos na vindeira lexislatura.

Comentarios