O goberno español vetou a transferencia a Galiza da AP9 o pasado cinco de setembro

A decisión foi recibida pola Cámara galega esta quinta feira. O BNG pide unha reunión urxente da Xunta de portavoces fronte ao “menosprezo” do goberno de Rajoy.

A Mesa do Congreso asume o veto do goberno español e acordou de novo que non procede a toma en consideración polo pleno da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e das competencias da autoestrada AP-9 a Galiza, presentada polo Parlamento de Galiza. A decisión foi adoptada na reunión da Mesa do pasado martes 5 de setembro, e remitida este quinta feira (nove días despois) á Cámara galega.

É o segundo veto á unha petición do Parlamento de Galiza para o traspaso da autoestrada. Na primeira ocasión, o executivo sinalara que da solicitude da Cámara galega se desprendía que pedía o resgate, o que implicaba un gasto non orzamentado, polo que podía o executivo central vetar ese debate.

O Parlamento de Galiza volveu remitir unha nova proposición de lei de transferencia a Galiza da Autoestrada do Atlántico, iniciativa na que se realizaran varias modificacións a respecto da anterior para evitar novos vetos do goberno español. En balde, o executivo de Mariano Rajoy vetou o pasado 5 de setembro a toma en consideración da proposta do Parlamento de Galiza. E a mesa do Congtreso asumiu ese veto.

Nunha resolución que asina a presidenta da Cámara Baixa, Ana Pastor, a Mesa rexeita que se tome en consideración polo pleno a citada proposición de lei unha vez "expresada polo Goberno a súa desconformidade".

O BNG xa solicitou a reunión urxente da Xunta de Portavoces do parlamento de Galiza para dar unha resposta unánime de todos os grupos políticos ante o que a portavoz nacional, Ana Pontón, tildou de “desprezo” a todos os galegos e galegas, resposta que debería encabezar o presidente Feijóo que, dixo, “está facendo o ridículo”.

Comentarios