O goberno de Rajoy reduce case á metade as axudas sindicais

Desde a chegada do PP á Moncloa e coa escusa da austeridade, reducíronse a nivel estatal un 44 por cento as subvencións ás actividades dirixidas á defensa de traballadores e traballadoras.  

Rajoy
photo_camera Rajoy

Sometidos a unha brutal campaña mediática en contra nos últimos anos na que tampouco se distingue entre os distintos modelos existentes, os sindicatos e todo o que eles representan seguen a ser afogados desde o goberno central, que os ten no seu punto de mira e aos que, segundo saíu publicado este día 6 no Boletín Oficial do Estado (BOE), volveu recortar as axudas dun xeito notorio. 

O Executivo de Rajoy reduciu este ano nun 20 por cento a partida destinada ao “financiamento e realización de calquera tipo de actividade sindical dirixida á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais dos traballadores”, que queda en 8,8 millóns a nivel estatal case a metade dos 15 que se adxudicaban antes da chegada ao poder central do PP, que polo tanto aplicou un recorte dun 44 por cento. 

O Goberno de Madrid xustifica esta baixada nas axudas ás centrais sindicais nas políticas de austeridade, malia que moitas voces, especialmente desde o mundo do traballo, consideran que existe unha motivación ideolóxica que vai unida a medidas como a Reforma Laboral, que limitan os dereitos d@s traballadores e traballadoras. 

Desde o día 6 abriuse un prazo dun mes para acceder a estas axudas, que na súa meirande parte van dirixidas ao modelo de pacto sindical que defenden UGT e CCOO en detrimento doutas centrais máis combativas. 

Comentarios