Xunta

O Goberno presenta unha lei de acción exterior "sen ambición"

O Igadi critica que "non hai garantías" de que vaia máis alá dunha "reflexión" estratéxica
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).

Galiza vaise converter no segundo territorio do Estado en contar cunha lei de acción exterior propia. O primeiro foi Catalunya, mais neste caso trátase dun texto lexislativo consensuado co Ministerio de Exteriores do Estado. A Xunta presume de que obtivo un "amplo consenso" na súa elaboración, mais desde o Igadi sinalan que carece de "ambición". Hai tempo para engadir melloras, pois agora comeza o debate no Parlamento cos grupos da oposición.

Consello da Xunta asinou onte a aprobación do anteproxecto da lei reguladora da acción exterior e de cooperación para o desenvolvemento da Galiza que comezará agora a súa tramitación na Cámara galega. Un texto lexislativo "consensuado" co Ministerio de Asuntos Exteriores do Estado e que pretende, como aspectos principais, "mellorar a proxección da Galiza no exterior", "potenciar a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal", "regular a participación galega en tratados e acordos internacionais dentro e fóra da Unión Europea" e " mellorar a atención das galegas no exterior".

O presidente do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Daniel González Palau, sostivo en declaracións a Nós Diario que a Xunta realizou con esta lei "un encaixe burocrático bo coa lexislación exterior española, pero fáltalle ambición, ilusión e crer máis nas nosas posibilidades".

González Palau participou, en representación do Igadi, na reunión do pasado mes de novembro do Consello de Acción Exterior da Xunta (Caex) na que se votou o texto do anteproxecto desta lei de acción exterior e abstívose ao considerala "un paso adiante incompleto".

Na súa exposición de motivos naquela votación, o presidente do Igadi argumentou que se precisa "un salto na coherencia e coordinación de políticas na relación co internacional" o que pasa por, entre outras cousas, pola "relación entre a Xunta e o conxunto da sociedade, mais en particular coa universidade galega, as cidades e as Deputacións, o Consello da Cultura, as entidades empresariais e as Cámaras de Comercio".

Unha idea que non foi incorporada finalmente ao texto legal que onte aprobou o Consello da Xunta. Neste sentido, o vicepresidente galego afirmou que  "é un dos anteproxectos de lei máis participativos e que conta cun maior consenso previo á súa aprobación" e, a preguntas de Nós Diario, engadiu que as universidades "deron a súa aprobación" porque tamén "están presentes no Caex". Porén, González Palau manifesta a Nós Diario que as universidades "non se pronunciaron" e que, ademais do Igadi, se abstiveron naquela votación o Eixo Atlántico e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

"Respecto as opinións de todo o mundo, pero creo que nos temos que quedar con que houbo unha opinión maioritaria a favor deste texto despois de pasalo por moitos órganos de coordinación e de estar sometido a un proceso de exposición pública bastante longo", defendeu Rueda sobre a postura do Igadi.  

Pola súa banda, o representante do Igadi agarda que o debate sobre a lei no Parlamento da Galiza lle dea o "salto de calidade" que precisa este texto lexislativo que "como marco está ben", pero que "necesita levar implícito desenvolver a Estratexia Galega de Acción Exterior de maneira sistematizada". "Esa é a nosa proposta a todos os grupos parlamentares porque entendemos que a acción exterior necesita consenso para que teña retorno", sinala.

González Palau explica que a Estratexia Galega de Acción Exterior "é un bo marco", pero "necesita un plan de actuación porque é como unha reflexión: non ten indicadores, obxectivos específicos, non marca actividades concretas, non obriga a ser avaliada...". Polo tanto, indica que "non hai ningunha medida que nos garanta que iso vai cambiar" no texto da lei. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios