O Goberno prepara unha lei de avaliación ambiental

Abriu esta sexta feira o período de consulta pública e o documento pode consultarse no Portal de Transparencia.
Parque eólico na Galiza (Imaxe: Pixabay)
photo_camera Parque eólico na Galiza (Imaxe: Pixabay)

A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu esta sexta feira o período de consulta pública da nova Lei de avaliación ambiental que prepara a Xunta de Galiza, despois de recibir a luz verde do Consello. O obxectivo do novo texto será "simplificar e axilizar" os procedementos de avaliación ambiental, para "favorecer o desenvolvemento económico" sen relaxar a protección do medio, segundo avanzou a pasada quinta feira o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo.

Na Galiza, segundo informa o Goberno galego, aplícase na actualidade a norma estatal de 2013. Non obstante, para a Consellaría de Medio Ambiente, esta provoca que as avaliacións ambientais "se prolonguen en exceso", provocando atrasos "inxustificados". No documento exposto no Portal de Transparencia infórmase de que a Consellaría de Medio Ambiente "realizou e está a realizar importantes modificacións normativas que teñen unha incidencia ambiental de gran relevancia", e que unha vez desenvolta a normativa sectorial cómpre actualizar a lexislación "transversal".

A norma galega, que data de 1995, foi deixada sen efecto após varias modificacións aprobadas polo propio Executivo de Feixoo, entre elas as realizadas a través da lei de acompañamento dos orzamentos. Precisamente, na derradeira aprobada polo Partido Popular modifícase o período de vixencia das declaracións de impacto ambiental, que se amplía de catro a seis anos cunha aplicación retroactiva dun lustro. O anuncio do Goberno recibiu as duras críticas do deputado do Grupo Común de Esquerda Antón Sánchez: "Feixoo pretende eliminar trabas e simplificar os trámites aos seus amigos das eléctricas".

Comentarios