O Goberno español permite a celebración das eleccións vascas e galegas durante o estado de alarma

O compromiso do Goberno español co PNV de que o estado de alarma "non suporá obstáculo algún" para a celebración das eleccións abre a porta a que poidan convocarse durante a súa vixencia os comicios vascos e galegos.

O portavoz do PNV, Aitor Esteban falando co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez (Pool)
photo_camera O portavoz do PNV, Aitor Esteban, falando co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez (Pool)

Nesta cuarta prórroga do estado de alarma, que remataría ás 00.00 horas do día 24 de maio, segundo publica este sábado o Boletín Oficial do Estado (BOE), o Goberno español obrígase a dispor "o oportuno para que o servizo público de correos e demais servizos da súa responsabilidade coadxuven ao mellor desenvolvemento e realización de eleccións convocadas a Parlamentos de Comunidades Autónomas".

Esta foi unha das emendas que o PNV presentou á última prórroga que se votou esta cuarta feira pasada no Congreso dos Deputados e que foi aceptada polo Goberno.

Tanto o lehendakari vasco, Íñigo Urkullu, como o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, non descartan convocar en xullo as eleccións que tiveron que cancelar en abril, pero para iso necesitaban ter garantías de que o servizo de Correos ía funcionar a pleno rendemento para permitir o voto por correo.

Colaboración entre Gobernos

Outra das emendas presentadas polo PNV e aceptadas polo Goberno tiña que ver coa necesidade de que as decisións que se tomasen no proceso de relaxación progresiva das restricións do estado de alarma se adopten de forma conxunta entre o Executivo e os Gobernos autonómicos, cando na redacción orixinal proposta polo Executivo se permitía ás CCAA presentar as súas propostas, pero quedaba claro que sería o ministro de Sanidade, Salvador Illa, quen tería a última palabra.

A redacción final do texto aprobada polo Consello de Ministros e publicada no BOE sinala que o Goberno "poderá acordar conxuntamente con cada Comunidade Autónoma a modificación, ampliación ou restrición das unidades de actuación e as limitacións respecto da liberdade de circulación das persoas, das medidas de contención e das de seguridade de bens, servizos, transportes e abastecementos, coa fin de adaptalas mellor á evolución da emerxencia sanitaria en cada Comunidade Autónoma".

A última decisión será do Goberno español

"En caso de acordo, estas medidas serán aplicadas por quen ostente a Presidencia da Comunidade Autónoma, como representante ordinario do Estado no territorio", engade o texto.

Isto quere dicir que no caso de que non se logre un consenso, a última palabra seguiraa tendo o Goberno, que é a autoridade competente baixo o estado de alarma, como ocorreu por exemplo no caso da discrepancia co Executivo madrileño a conta da súa proposta de pasar desde o luns 11 de maio á fase 1 do proceso de desconfinamento, iniciativa rexeitada polo Goberno.

Comentarios