Goberno, patronal e sindicatos abordan esta segunda feira a suba do SMI

CCOO e UXT exixen subir o SMI até os 1.000 euros mensuais, un incremento que a CEOE ve "complicado" porque "aínda hai moitas empresas que non se recuperaron da crise".
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, nun acto decorrido en abril de 2021 (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, nun acto decorrido en abril de 2021 (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

O Ministerio de Traballo e Economía Social reúnese esta segunda feira con representantes de Comisións Obreiras (CCOO), Unión Xeral de Traballadores (UXT), Confederación Española de Organizacións Empresariales (CEOE) e Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (Cepyme) para tentar acordar a suba que debe experimentar este ano o salario mínimo interprofesional (SMI), actualmente situado en 965 euros ao mes por catorce pagas.

O encontro, que arrinca ás 10 horas na sede ministerial, estará presidido polo secretario de Estado de Emprego, Joaquín Pérez Rey, e non será coas 'primeiras espadas' das organizacións sindicais e empresariais, xa que terá un carácter máis técnico. Todo apunta a que desta negociación sairá un novo acordo entre o Goberno estatal e os sindicatos, mais sen o apoio do empresariado, como xa ocorreu coa anterior suba do SMI.

A ministra e vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, comparecerá contra as 13 horas xunto a Pérez Rey para informar do desenvolvemento da reunión. Sobre a mesa está a demanda de CCOO e UXT de subir o SMI en 2022 até os 1.000 euros mensuais, con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro, en cumprimento do compromiso que subscribiron co Goberno para mediados de setembro do ano pasado, cando acordaron elevalo a 965 euros con efectos desde o 1 de setembro.

Goberno e sindicatos estabeleceron tamén no devandito acordo o compromiso de que o SMI, mediante a súa "progresiva revisión" en 2022 e 2023, alcance 60% do salario medio antes da fin da lexislatura, tal e como determina a Carta Social Europea subscrita por España e como prometeu o Goberno de coalición. Do devandito acordo quedaron descolgadas as organizacións empresariais CEOE e Cepyme, que entendían que non era o "momento" de elevar o salario mínimo dado que a economía española estaba "comezando a recuperarse" e a creación de emprego podería verse "danada".

A CEOE veo "complicado"

Un argumento similar é o que está a esgrimir actualmente a CEOE para rexeitar esa posíbel suba do SMI até os 1.000 euros. O seu presidente, Antonio Garamendi, advertiu a semana pasada de que subilo até esta cantidade, como reclaman os sindicatos, podería provocar unha "contracción importante do emprego", pois aínda hai empresas que non se recuperaron da crise, sobre todo as máis pequenas.

"O dos 1.000 euros véxoo complicado [...] Hai un problema de solvencia nas empresas e as máis pequenas están bastante afogadas. Levamos dous anos moi complicados", subliñaba Garamendi hai uns días. Ademais, lembraba que o SMI subiu 30% nos últimos tres anos, que oito territorios do Estado presentan xa un salario mínimo superior a 60% do salario medio e que estes incrementos deben tamén quedar recollidos nos contratos públicos.

A vicepresidenta Díaz indicou que o obxectivo do Goberno para 2022 é seguir a senda recomendada polo comité de persoas expertas do SMI no camiño de situalo en 60% do salario medio a final de lexislatura. Este comité expuxo para 2022 unha suba de entre 24 e 40 euros ao mes, en función de varios escenarios. Para 2021 recomendou elevalo entre 12 e 19 euros, mais finalmente o Executivo estatal subiuno 15 euros, dentro do treito aconsellado.

Comentarios