martes 07.07.2020
Non logra aprobar os orzamentos

O Goberno de Lalín, abocado a unha moción de confianza

A vindeira segunda feira, 29 de maio, o Goberno de Lalín someterase a unha moción de confianza, ao non lograr aprobar os orzamentos de 2017 na sesión plenaria que tivo lugar a pasada cuarta feira.

Rafael Cuíña e Paco Vilariño
Rafael Cuíña e Paco Vilariño

O Goberno encabezado por Rafael Cuíña someterase a próxima segunda feira, 29 de maio, a unha moción de confianza ao non conseguir apoios suficientes para aprobar os orzamentos deste ano no pleno extraordinario que tivo lugar a pasada cuarta feira. E é que o concelleiro non adscrito que no seu día deixou o goberno, Juan José Cruz, sumou o seu ao voto contrario dos dez edís do PP.

Desta maneira, os orzamentos de 2017 foron rexeitados polos 11 votos en contra da oposición fronte 10 a favor: cinco de Compromiso por Lalín, tres do PSOE, un do BNG e un da edila da Agrupación de Electores e Electoras Plataforma Aberta Cidadá (Apac).

En declaracións á prensa, Cuíña deu por feito que a segunda feira se reproducirán as posturas do último pleno, polo que perderá esa moción de confianza. “Faremos ese paripé lamentábel conscientes de que o imos perder”, sinalou o alcalde, que acusa os edís do PP e o edil “tránsfuga” de non leren os orzamentos, pois nin sequera presentaron emendas.

Moción de censura

O rexedor de Lalín instou o PP a renunciar a presentar unha moción de censura, pois “perderíana”, toda vez que a lei antitransfuguismo impide que o concelleiro que abandonou o goberno poida votar.

Así tamén o asegurou o edil do BNG, Francisco Vilariño, “a lei non lle permite votar para cambiar o goberno”. “Que ninguén caia no erro de crer que o goberno vai caer, estamos falando dun paripé”, salientou o nacionalista, que lamentou que se adíe a aprobación dos orzamentos. "Queren castigar o goberno e o que fan é castigar a veciñanza", concluíu.

Os representantes do PSOE e da Apac pronunciáronse na mesma liña e censuraron a actitude do "tránsfuga".

comentarios