A Xunta incumpre o envío obrigatorio de informes ao Parlamento e o BNG ameaza con recorrer aos tribunais

A lexislación obriga o Goberno galego a entregar a información requirida.
O deputado do BNG Dani Castro García. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG Dani Castro García. (Foto: Europa Press)

A Xunta mantén sen contestar máis de 500 peticións de documentación formuladas polo BNG na Cámara a través do artigo 9, un recurso do que dispoñen os partidos para obter datos de forma directa e persoal da Administración galega.

Esta información requirida non é pública para a poboación xeral na web do Parlamento, polo que os cidadáns só poden consultar que tipo de documentación solicitaron os parlamentarios e coñecer o estado de remisión. Neste caso, como comprobou Europa Press, a web parlamentaria, ademais, non está actualizada e non aparecen estas peticións.

O deputado do BNG Daniel Castro ofreceu esta sexta feira unha rolda de prensa na que denunciou que, desde inicio da lexislatura, os nacionalistas presentaron 571 peticións de documentación, como os contratos da seguridade privada coa empresa Eulen, as sancións ás hidroeléctricas ou cuestións como as mortes en residencias de maiores durante a pandemia, sen recibir resposta do Executivo galego.

O parlamentario nacionalista lembrou a "obrigación" do Goberno de Alfonso Rueda de responder, nun prazo de 30 días hábiles, ás cuestións que se expoñen na documentación, algo que a Xunta non está a cumprir. "Nin en 30, nin en 90 nin en 365 días", denunciou, para advertir de que nalgúns casos excédense os 750 días.

"Por iso denunciamos que oculta de forma sistemática documentación de moita importancia", salientou, para citar "sanidade, residencias, concesión de axudas e subvencións, expedientes sancionadores, delitos ambientais, empresas vinculada a altos cargos do PP e que contratan coa Xunta", entre outras cuestións solicitadas.

Pregunta no pleno

Neste sentido, Castro anunciou que o BNG formulará no pleno da próxima semana unha pregunta ao Goberno galego durante a sesión de control á Xunta sobre este "despropósito democrático", sen "descartar" outras accións posteriores se a contestación non é "satisfactoria".

Preguntado pola posibilidade de que os nacionalistas poidan por recorrer aos tribunais para solicitar documentación, como xa fixo na lexislatura pasada o ex deputado Antón Sánchez no marco da comisión de investigación das caixas de aforro e a súa fusión (unha petición á que o TSXG lle deu a razón), Daniel Castro puxo este exemplo como "mostra" da ocultación e das posíbeis accións a adoptar.

Comentarios