O Goberno galego envía á Xunta Electoral o decreto que deixa "sen efecto" as eleccións do 5-A

"A convocatoria de eleccións ao Parlamento galego activarase unha vez levantada a declaración do estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria", segundo recolle o decreto.
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).

O Goberno galego envía unha proposta de decreto á Xunta Electoral, consensuado coas formacións políticas da oposición, no que "deixa sen efecto" a celebración das eleccións do vindeiro 5 de abril á Presidencia da Xunta da Galiza. 

"A convocatoria de eleccións ao Parlamento galego activarase unha vez levantada a declaración do estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria. Dita convocatoria realizarase no prazo máis breve posible, oídos os partidos políticos, e por decreto do Presidente da Xunta", segundo recolle o texto.

O decreto enviado recolle que "ante o silencio legal, o marco normativo derivado da declaración de estado de alarma obriga, durante a vixencia do devandito estado, a buscar unha solución integradora e conforme ao bloque de constitucionalidade". Por este motivo, e como indicara a Xunta Electoral da Galiza, o Goberno galego buscou o "consenso" entre todos os partidos nas dúas reunións por videoconferencia desta semana. 

"Unha interpretación sistemática, finalista, integradora e con dimensión constitucional do marco normativo derivado da declaración do estado de alarma, impón, en aras da efectividade do dereito de sufraxio e do seu exercicio coas debidas garantías, deixar sen efecto a celebración das eleccións convocadas por Decreto 12/2020, do 10 de febreiro, e proceder a efectuar unha nova convocatoria no prazo máis breve posíbel unha vez levantada a declaración do estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria", se explica no decreto.

"O silencio normativo non pode entenderse, con todo, como necesaria continuación do proceso electoral iniciado con anterioridade á declaración do estado de alarma, custe o que custe e con independencia dos efectos que dita continuación poida ter para o exercicio, coas debidas garantías, do dereito de sufraxio, tanto activo como pasivo, como consecuencia, neste caso, da aplicación das medidas derivadas da declaración do estado de alarma", segundo explican na exposición de motivos do decreto, no que tamén se lembra que "a través das eleccións, maniféstase a vontade popular, fundamento mesmo do principio democrático que informa a Constitución española".

Alegacións dos partidos

As incorporacións trasladadas polo Partido Socialista de Galicia, que destaca o consenso alcanzado para traballar nunha nova data electoral, pasan por fortalecer as garantías do proceso e reforzar o papel da Deputación Permanente do Parlamento da Galiza.

Pola súa banda, as presentadas pola coalición Galicia en Común-Anova-Mareas van na liña de dotar de maior peso á Deputación Permanente, tamén á hora de reactivar o proceso electoral.

Deste xeito, segundo confirmaron a Europa Press fontes da candidatura de confluencia, propoñen que, unha vez se escoitaron as posturas dos partidos, se consulte á Deputación Permanente como paso previo á emisión por parte do presidente da Xunta do decreto polo que quedarían convocadas de novo as eleccións ao Parlamento de Galicia.

Na mesma liña, o BNG presentou os seus matices ao decreto ante a Xunta Electoral, que van dirixidas a resaltar a situación "anómala" na que queda o poder lexislativo ao deixar sen efecto a convocatoria electoral.

A respecto diso, segundo confirmaron fontes da formación nacionalista a Europa Press, a idea do BNG é trasladar a necesidade de darlle "un papel relevante á Deputación Permanente" para poder exercer como un "parlamento pequeno", como a propia Ana Pontón dixo diante dos medios de comunicación na rolda de prensa virtual desta terza feira.

Comentarios