O Goberno galego entrega a Axenda Enerxética con meses de atraso

O PSdeG acusa o Executivo de "ineficacia"
Unha sesión da comisión no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press).

O Goberno galego entregou a Axenda Enerxética da Galiza 2030 tres meses despois da súa presentación en sede parlamentaria por parte do director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais. Esta é a denuncia que onte fixo n Cámara a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo amosou, ao recibir en medio da comisión de Industria a nova de que a Xunta subiu á páxina web do Inega o documento da Axenda. O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Fernández Vila, comprometeuse en outubro de 2022 a entregar este documento aos grupos políticos da cámara, lembrou a deputada.

Cre que é “un acto de fe” confiar en que de aquí á data límite de 2024 vanse a executar os 634 millóns de euros asignados a distintos proxectos de enerxías renovábeis, desenvolvemento sostíbel ou economía circular, entre outras cousas, que anunciou o Goberno galego.

Rodríguez Rumbo resaltou que o problema do Goberno galego e do PP é “que non traballan”, ese é o motivo último do atraso nesta axenda, ao igual que ocorreu cos informes de impacto ambiental dos parques eólicos. Para a deputada socialista só están pendentes de “facer publicidade e propaganda” así como “buscar culpables ante a súa xestión ineficaz”.

Monte do Gato

Tamén onte, nunha comisión no Parlamento galego, a deputada do BNG, Mercedes Queixas defendeu unha proposición non de lei para reclamar “un Estudo de impacto ambiental conxunto” dos seis parques proxectados no Monte do Gato, na comarca das Mariñas. A proposta non prosperou polo votos en contra do PP e a abstención do PSdeG.

Queixas cualificou de “trama”  para espoliar o Monte do Gato publicar, “ despois de dous anos”,  seis Declaracións de Impacto Ambiental que mesmo confirman a fragmentacións dos parques e inciden na  falta de rigor e abandono da  protección das persoas e o territorio.

A deputada nacionalista advertiu que a instalación dos parques representa  unha “devastación irreversíbel” que  aínda estamos a tempo de frear polo que volveu a reclamar   un Estudo de impacto ambiental conxunto dos 6 parques eólicos proxectados no Monte do gato agora que xa está evidenciado nas propias DIAS que se trata dunha fragmentación e denegar  a autorización a estes proxectos que carecen dese estudo imprescindíbel.

Tamén na sesión parlamentaria de onte na Cámara galega, A vicevoceira do grupo socialista, Leticia Gallego, denunciou que o sector do comercio está nunha situación crítica debido ao "abandono da Xunta, polo que pediu que se habiliten máis axudas para mantelo.". Denunciou que o “abandono” da Xunta deixa ao sector do comercio “na UCI”  após o peche de 1.500 negocios en 2022.

Comentarios